As rutas fluviais da Deputación reeditan o seu éxito con máis de 29.000 viaxeiros no que vai de tempada

“É unha forma de descubrir os encantos da Ribeira Sacra desde unha perspectiva única e que, tal e como vimos comprobando cada ano, ten unha gran acollida, o que supón un importante revulsivo económico para a comarca e a provincia”, avanzou García Porto
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, deu conta este luns do éxito que están a ter as rutas fluviais en catamarán pola Ribeira Sacra. Unha oferta de ocio que ten en marcha a Deputación de Lugo desde finais do mes de marzo ata o mes de decembro.
García Porto avanzou que “no que vai de tempada, desde o 22 de marzo e ata esta mesma semana, foron máis de 29.000 persoas as que realizaron algunha das rutas que ofrecemos desde a institución provincial para descubrir os encantos da Ribeira Sacra: a ruta fluvial polo Canón do Sil, que parte do embarcadoiro da Deputación Ponte do Sil, en Monforte de Lemos; ou a Ruta Fluvial Cabo do Mundo, que comeza en Belesar Pobo, no Saviñao”.
Nesta liña, a Deputada Provincial tamén recalcou que “desas 29.000 persoas foron máis de 13.000 as que participaron durante esta época estival, é dicir, desde o 21 de xuño e ata finais de xullo”. Ademais, Pilar García Porto incidiu en que “a estas cifras temos que engadir as case 14.000 prazas que están reservadas nestes momentos ata finais de tempada que, como en anteriores edicións, rematará no mes de decembro”.
“Non cabe dúbida que este servizo é unha proposta completamente consolidada na oferta da turística da nosa provincia. É unha forma de descubrir os encantos da Ribeira Sacra desde unha perspectiva única e que, tal e como vimos comprobando cada ano, ten unha gran acollida por parte do público. O que supón un importante revulsivo económico non só para esta comarca senón tamén para todo o conxunto da provincia”.
García Porto recalcou que esta iniciativa “vai na liña do modelo de turismo sostible que defendemos desde a Deputación de Lugo, un turismo de calidade, que se centra na experiencia, e que, non só coida do patrimonio senón que tamén deixa un alto valor no territorio, unha peza clave para fixar poboación no rural da nosa provincia”.
As persoas interesadas en realizar algunha das dúas rutas que ofrece a Deputación de Lugo, reservar praza e consultar máis información poden reservar a súa praza a través da páxina web: https://reservas.rutasembalses.es/ .