A Deputación inicia en Friol o estendido de aglomerado na estrada que une o lugar de Vento co de Santa Marta

A Deputación de Lugo vén de iniciar a renovación do firme con aglomerado en quente dun tramo da LU-P-2115, a vía que conecta o lugar de Vento co de Santa Marta, na parroquia de Vilalvite, en Friol. Os traballos, que está a realizar a empresa Construcciones Leonardo Miguélez SL, afectan á totalidade dos dous quilómetros da vía, concretamente, desde o seu inicio ata o punto quilométrico 1,802. Unha vez rematada esta fase, realizarase o repintado da vía mediante marcas reflexivas brancas e instalarase a sinalización vertical necesaria.
Esta actuación enmárcase dentro dun proxecto conxunto no que a institución provincial investiu case 226.000 euros e no que tamén se incluíu a rehabilitación e a mellora da práctica totalidade da LU-P-2105, en Friol. Nesta vía, que conecta O Empalme de Prado con San Paio de Narla, renovouse o asfaltado con aglomerado en quente desde o inicio da estrada ata o punto quilómetro 1,721. Estes traballos están xa rematados.
Con estas actuacións, que se enmarcan dentro do compromiso da Deputación de Lugo de mellorar a rede viaria provincial, incrementaranse as condicións de circulación e seguridade nestes dous tramos, moi empregados polos veciñas e veciñas de Friol. Ademais, tamén se trata dun proxecto de gran relevancia porque a vía LU-P-2105 dá acceso ao Museo Fortaleza de San Paio de Narla, un dos emblemas patrimoniais máis representativo da comarca e que recibe un elevado número de visitas, especialmente durante os meses de verán.