A Deputación inicia as obras para mellorar a totalidade da vía que une Castro de Rei e Cospeito cun investimento de case 135.000€

A Deputación de Lugo vén de iniciar esta mesma semana os traballos de rehabilitación do firme da totalidade da vía LU-P-1104, a estrada provincial que conecta Castro de Rei e Cospeito desde Portomuiño a Momán. Esta actuación, que conta cun investimento da institución provincial de case 135.000€, estase a desenvolver desde o inicio da vía ata o punto quilométrico 7,624.
As obras, realizadas pola empresa Construcciones Carballeira SL, consisten na reapertura de cunetas, na reparación de afundimentos e danos e na repavimentación do firme. Con estes traballos, que contan cun prazo de execución de tres meses, melloraranse as condicións de seguridade viaria, a comodidade e os desprazamentos da veciñanza.
Trátase, polo tanto, dunha importante actuación para os veciños e veciñas destes concellos da comarca da Terrá Chá, porque esta estrada articula o norte do Concello de Castro, dando servizo directo á veciñanza de varias parroquias e a diferentes explotacións agrogandeiras.