O Presidente acompaña en Fonfría aos usuarios de AGAELA que inician hoxe a súa peregrinaxe ata Compostela
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, acompañou este xoves ás máis de 50 persoas da Asociación Galega de Esclerose Lateral Amiotrófica (AGAELA) que comezan hoxe unha das etapas do Camiño Francés, a que vai da parroquia de Fonfría, en Pedrafita do Cebreiro, ata Triacastela. O grupo, conformado por pacientes, familiares e voluntarios, percorrerá unha parte desta ruta de peregrinaxe para dar visibilidade a unha enfermidade que afecta a unhas 4.500 persoas en España e que supón a terceira patoloxía neurodexenerativa máis frecuente, só por detrás do alzhéimer e o párkinson.
A este encontro tamén asistiu o Alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo Magdalena, a vicepresidenta de AGAELA, Susi Seoane Lema, e o presidente da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago na provincia de Lugo, Ángel Trabada López, entre outras autoridades.
O máximo representante da institución provincial saudou aos usuarios e usuarias e puxo en valor o seu esforzo e a iniciativa organizada polo grupo CompostELA “para concienciar á sociedade sobre a Esclerose Lateral Amiotrófica e as necesidades de quen a padece”. Nesta liña, José Tomé fixo especial fincapé na importancia de impulsar a investigación para “avanzar no coñecemento desta patoloxía e desenvolver novos tratamentos que permitan mellorar a calidade de vida dos pacientes e das súas familias”.
Tras completar os nove quilómetros da etapa Fonfría – Triacastela, os participantes realizarán os seguintes tramos: de Furela a Sarria; de Ferreiros a Portomarín; de Melide a Ribadiso e de Boavista a Pedrouzo. Finalmente, chegarán a Santiago de Compostela o vindeiro 10 de setembro tras recorrer a etapa que une Vilamor coa capital galega. En total, os participantes percorrerán case 54 quilómetros.