Deputación de Lugo

O Presidente renova o compromiso co Campus de Lugo: “un ano máis achegamos 370.500€ para manter a excelencia académica”

JOSE TOMÉ
CAMPUS TERRA USC
USC
José Tomé Roca asinou co reitor da USC o acordo de colaboración entre ambas entidades no que se inclúe o reforzo de centros de investigación, actividades de divulgación científica e a promoción das titulacións do Campus Lucense

“Ademais desta achega anual levamos a cabo outras colaboracións como: a cesión de terreos para construír a nova Facultade de Formación do Profesorado ou a concesión da valgada do Campus onde hoxe se atopa a gaiola de drons” recalcou José Tomé

Pola súa banda, Antonio López avanzou que “a actividade investigadora e de transferencia que se desenvolve no Campus de Lugo é crucial para o avance dos eidos agroalimentario e forestal de Galicia”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, renovaron este xoves no Pazo de San Marcos o convenio de colaboración entre ambas entidades mediante o que a institución provincial achega 370.500€ á USC para colaborar co financiamento de múltiples iniciativaspara potenciar o Campus de Lugo e manter a excelencia académica. 

O mandatario provincial enmarcou este acordo dentro do compromiso da Deputación de Lugo co ensino superior público e recordou que “somos a administración local española que realiza unha maior aportación económica á universidade. Por iso, este convenio contempla iniciativas para o reforzodos centros de investigación, fomentar a divulgación científica e apoiar a promoción tanto da formación práctica como das case 20 titulacións que se imparten no Campus de Lugo”.

Sinalou Tomé Roca que “estamos a falar dun campus de especialización que conta cun profesor por cada dez alumnos o que garante unha atención individualizada, unha maior interacción e unha calidade docente exemplar. Esta vantaxe vese reforzada coa nosa aportación, que se traduce en novas infraestruturas, en innovación tecnolóxica e en maiores facilidades para a formación práctica do alumnado”. 

Pola súa banda, Antonio López destacou que “a actividade investigadora e de transferencia que se desenvolve no Campus de Lugo é crucial para o avance dos eidos agroalimentario e forestal de Galicia. Como campus de especialización, no Campus Terra, cultívase o xermolo do coñecemento que moderniza o rural galego. Para que este rumbo non se free, resulta indispensable a colaboración institucional”. 

Neste sentido, o reitor agradeceu a colaboración da Deputación de Lugo “por contribuír un ano máis ao reforzo de institutos e centros de investigación, así como ao mantemento e mellora no Campus de Lugo. Ademais, o convenio que hoxe asinamos pon tamén o foco na repercusión social de todo o que facemos dende a Universidade”. 

“Tan necesario como investigar é compartir toda esa sabedoría xerada, motivo polo cal é tan importante este acordo, porque tamén se centra na divulgación científica. Ademais, a sinerxía coa Deputación permite promover practicas na Granxa Gayoso Castro, así como en diferentes empresas, dando pulo á inserción laboral do noso estudantado”, rematou Antonio López.

O convenio abrangue varias liñas de actuación para o reforzo de institutos, centros de investigación e estacións biolóxicas; o mantemento, reparación e mellora do Campus de Lugo; o apoioá divulgación científica, como o campus de verán Xuvenciencia ou actividades de transferencia de coñecemento; unha campaña de difusión das titulacións do Campus; actividades na Museo Domus do Mitreo e a promoción de prácticas na Granxa Gayoso Castro. 

Outras colaboracións coa USC

O Presidente recalcou a estreita relación que manteñen ambas institucións e recordou que “ademais desta aportación anual levamos a cabo outras colaboracións como a cesión de terreos que realizamos, de xeito gratuíto, para construír a nova Facultade de Formación do Profesorado” e avanzou que “a valgada do Campus, na que inauguramos recentemente a gaiola de drons, tamén é un terreo de titularidade provincial. Ademais, achegamos 9.500€ para promover actividades de investigación tecnolóxica e ofrecemos a Granxa Experimental de Leite para que o alumnado poida realizar prácticas reais”.