A Deputación aproba un investimento de 630.000€ para impulsar diferentes proxectos na Mariña
Adxudicadas as obras de mellora da práctica totalidade da estrada LU-P-2806 entre Lourenzá e Mondoñedo, desde A Cazolga ata a parroquia mindoniense de Oirán, cun investimento da institución provincial que supera os 200.000€
Luz verde ás bases para a convocatoria de 7 prazas de enfermería, 4 de fisioterapia e 5 de terapia ocupacional para a rede de Centros de Atención a Maiores provincial
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres un investimento de preto de 630.000€ para impulsar diferentes proxectos e actuacións en varios concellos. Así o informou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, que valorou que se trata “dun investimento clave que permitirá mellorar infraestruturas, reforzar servizos públicos, apoiar o tecido asociativo e avanzar na mobilidade, contribuíndo así ao desenvolvemento económico e social da comarca”.
Nese sentido, explicou que quedou aprobado un investimento de case 400.000€ para colaborar con dous proxectos na Pontenova. O primeiro, cun orzamento de 250.000€ que irán destinados ao Concello para acometer diferentes actuacións:
A humanización da Praza dos Fornos. “Serán unhas obras que conseguirán dar harmonía entre esta praza –que como sabedes é un elemento esencial para o desenvolvemento turístico da localidade- e o seu aparcadoiro”, explicou a Deputada. Ademais, as obras permitirán reforzar a seguridade viaria da contorna e mellorar a drenaxe das augas procedentes da choiva.
A reconstrución do estribo dereito da ponte do Fondón. García Porto explicou que se trata dunha infraestrutura “que se sitúa nunha vía de titularidade municipal, que dá servizo á área recreativa. Esta ponte vese afectada polas condicións hidrolóxicas do río Eo, polo que esta actuación permitirá garantir a súa estabilidade a longo prazo”.
Ademais, con cargo a este primeiro acordo, A Pontenova poderá adquirir as fincas lindeiras ao cemiterio para a súa ampliación, “posto que na actualidade está practicamente saturado”; e adquirir un camión con plataforma elevadora, unha impresora multifunción e un contador con depósito de distribución de auga.
O segundo dos proxectos que poderá realizar o Concello da Pontenova con case 140.000€ é a mellora da rede viaria de Conforto; unha parroquia rural que ten na accesibilidade un dos seus principais desafíos. “Este acordo permitirá renovar a vía, de titularidade municipal, que conecta a estrada provincial LU-P-4809 cara a Ermida de San Antonio e que dá servizo directo a un establecemento hostaleiro e varias vivendas”, valorou Pilar García Porto.
No apartado de convenios, “seguimos reforzando tamén o tecido asociativo da nosa provincia”. Nese sentido, a Xunta de Goberno aprobou achegar algo máis de 20.000€ á Asociación Recreativa e Cultural Os do 21, do Vicedo, para axudarlles cos gastos de funcionamento da entidade.
García Porto explicou que se trata dunha agrupación folclórica, sen ánimo de lucro, que leva máis de 40 anos fomentando a nosa cultura a través da música, a danza, o teatro e as tradicións populares. Grazas a estes fondos da Deputación, Os do 21poderán afrontar os gastos de mantemento das instalacións, costear a indumentaria e materiais para as actividades culturais, o transporte, carteis para dar publicidade as súas actividades, financiar servizos de asesoría ou o gasto dos seguros de responsabilidade civil.
Melloras na vía que une Lourenzá e Mondoñedo
Na Xunta de Goberno quedaron adxudicadas tamén as obras da LU-P-2806 entre Lourenzá e Mondoñedo. Construcciones Isidro Otero SL será a encargada de realizar estes traballos que afectarán á práctica totalidade dos 4 quilómetros desta estrada, desde o seu inicio ao punto quilométrico 3,772; desde A Cazolga ata a parroquia mindoniense de Oirán. O prezo de adxudicación é de 204.799€ e os traballos consistirán na reapertura de cunetas, na pavimentación con aglomerado en quente e na sinalización horizontal mediante marcas reflexivas brancas.
“Trátase dunha actuación importante porque a vía conecta diferentes núcleos entre ambos concellos, dá acceso a servizos públicos e é importante para o turismo na contorna. Polo que estamos a falar dunha estrada con carácter estratéxico para Lourenzá e Mondoñedo, e importante para a cohesión do territorio na Mariña”, valorou a Deputada.
Emprego
Ademais a Xunta de Goberno sacou adiante as bases para a convocatoria de 7 prazas de enfermería, 4 de fisioterapia e 5 de terapia ocupacional para os Centros de Atención a Maiores da Deputación. As prazas serán de acceso libre polo sistema de concurso oposición. García Porto puxo en valor a rede provincial de 9 residencias nas que “as persoas son o centro. Primamos un sistema público, próximo e de calidade; que pon por diante o benestar social e a dignidade persoal”.
Nese sentido defendeu que a Deputación ofrece unha atención “multidisciplinar e individualizada, respondendo ás necesidades físicas, funcionais, cognitivas e sociais de cada residente” e valorou que “estas prazas virán a mellorar a atención que desde a Deputación prestamos ás persoas, fortalecendo os servicios propios e un modelo que como sabedes é exemplo en toda Europa”.
Programa de Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios
A Xunta aprobou tamén este venres o último trámite administrativo para o pago dunha subvención a unha entidade que resultou beneficiaria do programa para a dotación e mellora de servizos comunitarios. Concretamente, a Comunidade de Montes de Goián (Sarria) recibirá 5.700€ para a mellora de accesos comunais.