O Presidente asina co Alcalde de Lugo un acordo para que a Deputación asuma a xestión dos 32 hortos urbanos dos Paxariños
O mandatario provincial avanzou que se trata dun contrato de dous anos duración e que “o obxectivo é mellorar a eficiencia na xestión destes espazos e reducir duplicidades de gasto”
Pola súa banda, Miguel Fernández, subliñou a importancia deste acordo que garantirá a continuidade dun proxecto moi valorado pola veciñanza e agradeceu a colaboración da Deputación: “é un exemplo de cooperación entre administracións que redunda directamente no benestar da cidadanía”
O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, e o Alcalde do Concello de Lugo, Miguel Fernández Méndez, veñen de asinar na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos un convenio de colaboración entre ambas entidades a través do que a institución provincial asume a xestión e o mantemento dos 32 hortos urbanos dos Paxariños. A través deste acordo, que ascende ata os 57.000€, xestionaranse estes espazos de cultivo de titularidade municipal, que se distribúen en algo máis de 1.000 metros cadrados, e que se atopan entre a ladeira de Fontiñas e o paseo fluvial do Rato, ao carón do barrio lucense de Xuíz.
O máximo representante da institución provincial destacou que o contrato terá unha duración de dous anos, desde estes últimos cinco meses do 2025 e ata os sete primeiros do 2027 e recalcou que “o obxectivo é, por unha banda, mellorar a eficiencia na xestión destes espazos, e pola outra, reducir a duplicidade de gasto”. Nesta liña, José Tomé fixo especial fincapé en que a Deputación de Lugo conta cunha “ampla experiencia” na xestión dos hortos urbanos posto que “temos ocupadas 140 das 150 parcelas do Parque do Rato”.
En canto aos terreos situados en Paxariños, o Concello ten asignados 31 das 32 parcelas dispoñibles, polo que os beneficiarios e beneficiarias poderán utilizar estes terreos de xeito gratuíto por un período de dous anos, prorrogables por outros dous. Así mesmo, a institución provincial porá á súa disposición un servizo de mantemento e de asesoría de balde. Os usuarios deberán mantelos en condicións óptimas, reservándose a Deputación o dereito a reclamalos en caso contrario.
O horto que queda dispoñible adxudicarase a través dun proceso de concorrencia competitiva, no que primarán criterios sociais, como estar en situación de desemprego ser representante dun centro educativo ou traballar para un colectivo social, entre outros.
Pola súa banda, o Alcalde de Lugo, Miguel Fernández, subliñou a importancia deste convenio que permitirá optimizar a xestión dos hortos urbanos dos Paxariños, garantindo a continuidade dun proxecto moi valorado pola veciñanza. O rexedor puxo en valor a experiencia da Deputación no Parque do Rato, onde leva anos xestionando con éxito 150 parcelas, e agradeceu que agora poña ese coñecemento ao servizo da cidade: “é un exemplo de cooperación entre administracións que redunda directamente no benestar da cidadanía”.
“Con esta colaboración aseguramos que as familias e colectivos que xa viñan utilizando os hortos poidan seguir facéndoo con todas as garantías, ao tempo que abrimos a porta a novas oportunidades para persoas en situación de desemprego, centros educativos ou entidades sociais. Son iniciativas que promoven a sostibilidade, reforzan a cohesión social e enriquecen a vida comunitaria en Lugo”, concluíu Miguel Fernández.
Deste xeito, ambas entidades ofrécenlles aos veciños e veciñas de Lugo espazos en contacto coa natureza cos que fomentar unha alimentación saudable; promoven boas prácticas agrarias, como a agricultura ecolóxica; impulsan un maior coñecemento e respecto polo medio ambiente e a Reserva da Biosfera Terras do Miño e fomentan a horticultura didáctica de cara á comunidade educativa.