Deputación de Lugo

A Deputación impulsa a XI Ruta dos Lobos, que reunirá na Fonsagrada a 300 amantes do ciclismo

Pablo Rivera Capón
Carlos López
Ruta dos Lobos
Presentación Ruta dos Lobos
O Deputado de Promoción Económica e Social e a Deputada de Cultura, Patrimonio Histórico, Artístico e Normalización Lingüística presentaron este xoves na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos a proba cicloturista que se celebrará o próximo 27 de setembro

Rivera Capón avanzou que “esta é unha cita que une deporte, natureza, convivencia e promoción do territorio, porque esta carreira é unha oportunidade para redescubrir o noso rural e para poñer en valor a súa beleza”

Ao igual que anteriores edicións haberá dous percorridos: un de 45 quilómetros e outro de 35. As persoas interesadas en anotarse poden facelo ata o 22 de setembro en https://ccnorte.com/evento/detalle/id/3097/xi-ruta-dos-lobos-a-fonsagrada

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e a Deputada de Cultura, Patrimonio Histórico, Artístico e Normalización Lingüística, Iria Castro Fernández, presentaron xunto ao Deputado de Medio Ambiente e Alcalde da Fonsagrada, Carlos López López, e o técnico de Deportes do Concello, Enrique Fernández, a XI Ruta dos Lobos que se celebrará o próximo sábado, 27 de setembro, no municipio fonsagradino. A institución provincial colabora  con esta proba deportiva, que reunirá a preto de 300 ciclistas de montaña de Galicia e doutras comunidades, como Madrid, Pais Vasco ou Asturias, coa súa promoción e difusión.

Rivera Capón definiu a cita cicloturista como “todo un referente para a nosa provincia” ao tempo que sinalou que “une deporte, natureza, convivencia e promoción do territorio, porque esta carreira é unha oportunidade para redescubrir o noso rural e para poñer en valor a súa beleza”. 

Resaltou ademais o papel da organización e o voluntariado “que fan posible que este evento medre ano a ano” e puxo en valor “a súa contribución ao desenvolvemento económico e social. Cada persoa que vén participar ou acompañar xera vida no territorio: nos negocios locais, nos aloxamentos, na restauración… É un impulso real para a economía e unha mostra de que o rural ten recursos, ideas e talento para ofrecer”. 

Así mesmo, sinalou que “actividades coma esta proxectan a imaxe da Fonsagrada e de toda a comarca máis alá das súas fronteiras, mostrando que somos un territorio dinámico, con iniciativas atractivas e cunha gran calidade de vida”. Rematou Pablo Rivera reiterando o “apoio e compromiso” da institución provincial coa Ruta dos Lobos para que continúe sendo “un exemplo de como o deporte e o turismo poden ir da man co desenvolvemento do rural, o respecto pola natureza e o orgullo da nosa identidade”. 


Pola súa banda, Carlos López López apuntou que “grazas a colaboración da Deputación de Lugo levamos xa once edicións da Ruta dos Lobos” e destacou que con este evento “damos a coñecer unha parte da nosa paisaxe a tamén a nosa gastronomía”. Recoñeceu tamén o esforzo de todas as persoas que fan posible que se desenvolva esta proba e avanzou que haberá 50 voluntarios e voluntarias. 

Características da ruta


A undécima edición da Ruta dos Lobos sairá ás 11:00 horas da Praza do Concello e rematará neste mesmo punto. Ao igual que en anteriores edicións o evento contará con dous percorridos segundo o nivel de dificultade: un itinerario longo de 45 quilómetros e 1.750 metros de desnivel positivo; e outro de 35 quilómetros e 1.500 metros de desnivel positivo. 

Os dous percorridos transcorrerán polas ribeiras do río Porteliño e o Lamas e pasarán por lugares emblemáticos da Montaña lucense como a Seimeira de Vilagocende e as aldeas de Naraxa, Silvela, Aldomán, Pereira ou Paradanova, entre outras. Ademais, haberá dous punto de avituallamento con produtos típicos da Fonsagrada.

Os deportistas interesados en inscribirse poden formalizar a súa solicitude a través da páxina web https://ccnorte.com/evento/detalle/id/3097/xi-ruta-dos-lobos-a-fonsagrada ata o luns 22 de setembro. Como xa é habitual ao remate desta proba as persoas que o desexen poden asistir á cea na que ofrecerán produtos típicos deste municipio da montaña.