Deputación de Lugo
Turismo

A VI Gala de Turismo recoñecerá este sábado seis iniciativas que contribúen á identidade da provincia

Gala de Premios
O Pazo de San Marcos acollerá ás 12:00 horas no Salón de Actos esta cita de entrada libre e gratuíta e que estará ambientada pola música de Iria de Cabo e Raquel López. Poderá seguirse en directo a través da canle de Youtube do Servizo de Audiovisuais

A Festa da Queima das fachas de Taboada, a Foliada da Fonsagrada, o programa Descubrir Quiroga, a Feira do Queixo do Cebreiro, a Feira da Tenreira de Láncara e Camiño cara a sostibilidade turística da Mariña son as propostas distinguidas

O Pazo de San Marcos acollerá este sábado, 27 de setembro ás 12:00 horas, a VI Gala de Premios de Turismo, que este ano recoñecerá seis iniciativas que contribúen á promoción do territorio e á identidade da provincia. A cita, que promove o Consello Provincial de Turismo, impulsado e presidido pola Deputación, celebrarase no Salón de Actos. A entrada será libre e gratuíta e poderá seguirse en directo na canle de Youtube do Servizo de Audiovisuais: https://youtube.com/live/t2wdYsBrxY4?feature=share.

A música da guitarrista lucense Iria de Cabo, integrante da Banda da Loba, e a baixista e cantante galega Raquel López, que forma parte de Ginebras, ambientarán este certame ideado para recoñecer as iniciativas que fan do turismo un motor de dinamización social, cultural e económica desde o rural lucense. Accións todas elas que parten do territorio, que poñen en valor o patrimonio, favorecen a sustentabilidade e contribúen á identidade da provincia e a facela máis atractiva como destino diferenciado.

Volvendo a coincidir co Día Mundial do Turismo, esta gala estará conducida polo actor e comunicador Alberte Cabarcos e intercalará as actuacións musicais coas entregas de premios, nas que se presentará un pequeno vídeo de cada candidatura. Os galardoados e galardoadas recollerán un diploma e unha figura de Gundivós como agasallo.

Na categoría Lugo Cambia ao Turismo Lucense, o xurado distinguiu este ano ao programa de actividades Descubrir Quiroga, a festa da Queima das fachas de Taboada e tamén á Foliada da Fonsagrada; na de ...E para comer, Lugo á gastronomía lucense gañaron a Feira do Queixo do Cebreiro e a Feira Degustación da Tenreira de Láncara. Pola súa banda, Camiño cara a sostibilidade turística da Mariña Lucense foi a recoñecida polo seu traballo ao Turismo Sostible e o Hotel Mogay recibirá o accésit nesa mesma categoría.