A Deputación apoiará á candidatura de Lugo para acoller a sede da Axencia Estatal de Saúde Pública
O Deputado de Promoción Económica e Social defendeu que “é unha cuestión de xustiza territorial” e que Lugo “conta cunha base sólida que a converte na candidata ideal” pola combinación das súas infraestruturas, dotacións e patrimonio
A Deputación de Lugo apoiará á candidatura do Concello de Lugo para que a capital da provincia acolla a sede da Axencia Estatal de Saúde Pública (AESAP). Así se acordou no Pleno celebrado este martes no Pazo de San Marcos tras unha proposta de Presidencia que contou co apoio unánime das tres forzas políticas da Corporación: PSdeG, BNG e PP.
Defendeu o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, que “é unha cuestión de xustiza territorial” que Lugo albergue este organismo que terá por obxectivo centralizar, coordinar e reforzar a saúde pública de todo o país fronte ameazas e riscos que teñen que ver coa saúde pública. Que a capital lucense “conta cunha base sólida que a converte na candidata ideal” pola combinación das súas infraestruturas, dotacións e patrimonio e valorou que este proxecto “pode transformar a nosa cidade, atraer talento, xerar emprego cualificado e reforzar o noso papel como referente en saúde e investigación”.
Mediante este acordo, a Deputación solicita ademais o apoio explícito á candidatura do Concello de Lugo como sede da AESAP e dá traslado da decisión ao Ministerio de Sanidade e á Xunta de Galicia. O proceso de selección da sede rematará a finais de ano e son varias as cidades que optarán a acoller a Axencia Estatal de Saúde Pública, como Zaragoza, Granada, León ou Oviedo.
Aprobada a Conta Xeral do 2024
O Pleno tamén aprobou, coa abstención do PP, a Conta Xeral do ano 2024 da Deputación, cumprindo así cos prazos legalmente establecidos, que determinan a obriga de presentar este expediente ante o Consello Xeral de Contas antes do día 15 de outubro. A Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Carmela López Moreno, destacou que o gasto comprometido acadou no ano 2024 un 94,49% “amosando que a Deputación mellora a súa capacidade de xestión ano tras ano”.