O Presidente felicita en Santiago ás tres empresas lucenses galardoadas nos Premios Gente Viajera

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, asistiu este xoves ao acto de entrega da segunda edición dos Premios Gente Viajera de Galicia de Onda Cero, celebrado no Hotel Quinta da Auga, en Santiago de Compostela. José Tomé valorou este certame destacando que “encaixa co traballo que levamos facendo desde hai anos dende a Deputación por un turismo na provincia innovador e comprometido coa promoción e o desenvolvemento sostible”. Felicitou ás tresempresas da provincia de Lugo recoñecidas: a adega Algueira, polo seu traballo no sector vitivinícola da Ribeira Sacra; o proxecto Máis que Románico, pola súa aposta pola divulgación e valorización do patrimonio cultural da provincia; e ao Restaurante España pola súa excelencia gastronómica.
Estes galardóns, impulsados por Onda Cero Galicia, teñen como obxectivo poñer en valor o potencial turístico de Galicia, recoñecendo iniciativas que contribúen ao desenvolvemento sostible, a promoción do territorio e a innovación no ámbito turístico.