A Deputación colabora coa Fundación Eu Son para que os seus usuarios poidan recibir unha atención individualizada
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a Presidenta da Fundación Eu Son (Fundación para a Protección de Persoas con Discapacidade Intelectual), Alcaldesa do Concello de Burela, e Deputada Provincial, Carmela López Moreno, veñen de asinar un convenio de colaboración entre ambas entidades mediante o cal a institución provincial achega 3.000€ para apoiar os gastos de funcionamento do Centro de Día que xestiona esta Fundación.
José Tomé subliñou que “Eu Son leva anos preocupándose pola atención e o benestar das persoas con discapacidade intelectual, ofrecendo servizos esenciais que melloran a súa calidade de vida e favorecen a súa inclusión social. En concreto, este Centro de Día, que leva en funcionamento desde o ano 2012, dá servizo a usuarios e usuarias de Alfoz, O Valadouro, Mondoñedo, Lourenzá, Trabada, Foz, Barreiros, Xove, Cervo e Burela”.
Nesta liña, o máximo representante da institución provincial avanzou que “con esta axuda asumimos o 50% dos custes de funcionamento como: seguros de instalacións, equipamento, servizo de limpeza, teléfono ou gastos correntes de luz”.
O Centro de Día atende ás persoas usuarias de luns a venres e ofrece servizos nos ámbitos dos coidados persoais e da atención individualizada, así como no seguimento da saúde, realizando, por exemplo, o control da medicación. Tamén desenvolve obradoiros terapéuticos e actividades psicosociais, e dispón de apoio psicolóxico e transporte adaptado, entre outros recursos.
Ademais, conta cun Programa de Habilidades Adaptativas dirixido a mellorar diferentes áreas funcionais: desde o autocoidado e as habilidades académicas básicas, ata a comunicación, traballando alteracións da fala e da linguaxe. O programa abrangue tamén accións de saúde e seguridade, como formación en primeiros auxilios e prevención de riscos, e inclúe rehabilitación funcional, con servizos de fisioterapia e terapia ocupacional, entre outras actividades.