Cooperación concellos
Deputación de Lugo

A Deputación achega 145.000€ para que Negueira de Muñiz sexa máis autosuficiente nas obras

Negueira de Muñiz
O Presidente e o Alcalde veñen de asinar un convenio de colaboración no Pazo de San Marcos para financiar de xeito conxunto un vehículo con capacidade para producir, mesturar, transportar e descargar formigón de maneira autónoma

“Se queremos que a xente quede no rural hai que dotalo de servizos útiles, na comarca da Fonsagrada quedaron sen fábrica de formigón e levalo de lonxe é complicado e caro, por iso esta colaboración é tan importante”, explicou o mandatario provincial

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Alcalde de Negueira de Muñiz, José Manuel Braña Pereda, veñen de asinar no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración para financiar conxuntamente un vehículo con capacidade para producir, mesturar, transportar e descargar formigón. A institución provincial achega algo máis de 145.000€ e o Concello outros 8.000€ -acadando un orzamento que supera os 150.000€- para que este municipio da Montaña poida ser máis autosuficiente nas obras.

“Se queremos que a xente quede no rural hai que dotalo de servizos útiles”, valorou o mandatario provincial. Explicou Tomé Roca que “na comarca da Fonsagrada quedaron sen fábrica de formigón e levalo de lonxe é complicado e caro, por iso esta colaboración é tan importante, porque permitirá que un concello pequeno da nosa provincia poida aforrar custes e gañar eficiencia”.

Argumentou nese sentido que a Deputación axudará a Negueira de Muñiz a dotarse dun vehículo versátil e de moita utilidade nun municipio rural, pouco poboado, pero cunha extensa rede de infraestruturas que manter. Concretamente, o acordo permitirá adquirir unha autoformigoneira autocargable de 3,5 m3 de capacidade de amasado.

Segundo informou Braña, desde o peche da única central de elaboración de formigón da zona a execución das obras no municipio son case “misión imposible”. Ademais do seu encarecemento, o excesivo tempo que se ten que empregar en transportar este material desde lonxe impide en moitos casos a realización das obras, porque o tempo excede con moito o estipulado para o correcto uso do formigón. E nese sentido argumentou que “a adquisición dunha auto-formigoneira permitirá elaborar con medios propios o material necesario para as nosas obras cun custo asumible”.