Deputación de Lugo

O Presidente reivindica na FEMP a reforma do financiamento local e un maior papel das deputacións ante o reto demográfico

FEMP
José Tomé Roca participou este luns no encontro que acolleu a sede da Deputación de Xaén, onde tamén pediu a creación dun equipo de traballo que urxa a recuperación da partida nos Orzamentos do Estado para o mantemento das estradas provinciais, que eliminou o Goberno de Mariano Rajoy

“É importante reforzar o papel das deputacións como institucións de cohesión territorial, garantes da igualdade de oportunidades e do apoio técnico e económico aos concellos. Pero as competencias teñen que estar acompañadas de financiamento”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca participou este luns en Xaén na Comisión de Deputacións da Federación Española de Municipios e Provinciais. Un encontro que acolleu o Salón de Plenos do e da Deputación de Xaén e que reuniu a presidentes e presidentas das diferentes administracións do país para analizar asuntos clave do ámbito local e provincial. 

Tomé Roca reivindicou que aborda a reforma do financiamento local e o papel das deputacións ante o reto demográfico. “É importante reforzar o papel das deputacións como institucións de cohesión territorial, garantes da igualdade de oportunidades e do apoio técnico e económico aos concellos máis pequenos. Pero as competencias teñen que estar acompañadas de financiamento”, afirmou. Nese sentido, puxo en valor o o papel das deputacións como institucións “próximas e imprescindibles para o equilibrio territorial e o apoio ao municipalismo, especialmente no rural”. 

Tamén incidiu no estado das estradas provinciais. “Sumamos entre todas as deputacións de 67.773 quilómetros (máis de 4.200 km son de Lugo) e algunhas provincias temos importantes  dificultades para mantelas en bo estado. Moitos problemas”. Engadiu que, ao fío da cohesión territorial, “é moi importante arranxar as nosas vías de comunicación, sobre todo para conectar aqueles núcleos do rural que están máis afastados”. Reivindicou a creación dun equipo de traballo para que dende a FEMP se lle solicite ao Goberno de España “unha partida con este fin nos Orzamentos do Estado, sería unha medida que xa existiu no pasado e que é importantísima para contribuír a fixar poboación no rural e fomentar o turismo non masificado. Unha partida que foi eliminada no Goberno presidido por Mariano Rajo”.

O mandatario provincial de Lugo quixo incidir en que hoxe por hoxe as deputacións “somos as administracións que chegan onde outras non poden chegar. Sen o apoio técnico e económico que nós prestamos, moitos concellos pequenos non poderían manter servizos esenciais como o abastecemento de auga, o mantemento de estradas ou a atención social”. Recalcou que “non pode haber igualdade entre cidadáns se non hai igualdade entre os territorios, por iso creo que necesitamos un financiamento estable e xusto”. 

Servizos públicos

En canto aos servizos públicos, Tomé Roca defendeu que para que as persoas poidan asentar a súa vida no rural é fundamental que se garanta “unha sanidade de calidade, unha educación digna e unha boa atención ás persoas maiores. Sen escolas, sen médicos e sen centros de maiores non podemos contribuír a fixar poboación no rural”. 

O mandatario provincial puxo de exemplo o Plan Deputación lucense co que “garantimos unha achega de fondos distribuídos con criterios públicos e obxectivos, e que respectando a autonomía local, axuda a sacar adiante obras e servizos”. 

Entre outras medidas, tamén resaltou a Rede de Atención a Maiores que ten en marcha a Deputación de Lugo no rural para facer fronte ao reto demográfico. “Son centros públicos públicos, de pequeno tamaño e con poucas prazas que garanten unha atención próxima e xeran emprego sostible”. 

Un foro de debate

Na orde do día tamén se abordou a situación dos servizos provinciais de prevención e extinción de lumes, “un servizo esencial que se presta dende as deputacións e que presenta modelos diferentes segundo o territorio”. “En Galicia vivimos uns incendios devastadores, con problemas por parte da Xunta cos medios e onde temos unha falta de estratexia de prevención. Nós seguimos reivindicando máis medios e máis prevención”, afirmou.  

Outro dos puntos analizados foi o avance da Rede de Entidades Locais Gandeiro-Cárnica, á que pertence a Deputación de Lugo dende a súa recente adhesión. “Un punto que se puxo en valor no encontro, agradecendo a nosa contribución e as achegas que estamos levando aos diferentes encontros que xa acudimos”.

Así mesmo, os mandatarios e mandatarias provinciais debateron sobre  as novas iniciativas en materia de diversidade relixiosa, benestar animal e colonias felinas, así como a creación dun grupo técnico permanente de coordinación das deputacións. Entre os puntos do día tamén estaba a celebración do 45 aniversario da FEMP, cun balance das accións conmemorativas e da actividade institucional desenvolvida ao longo do último ano.

Nesta sesión de Xaén, os representantes provinciais tamén recibiron información sobre as últimas declaracións institucionais aprobadas pola FEMP, entre elas as relativas á reforma da Lei de Economía Circular, á defensa do sector primario, á igualdade e loita contra a violencia machista, e ao Día Internacional das Mulleres Rurais, celebradas recentemente.

Defensa do municipalismo

A Comisión de Deputacións da FEMP funciona como órgano consultivo e de traballo permanente, que agrupa aos responsables das Deputacións, Cabidos e Consells Insulars de España.  O seu obxectivo é analizar e propoñer medidas comúns en materia de servizos públicos, financiamento, innovación e cooperación interadministrativa.