A Deputación colabora con COGAMI para implantar un novo modelo de atención máis personalizada no centro de Fingoi
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o presidente da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), Anxo Queiruga, veñen de asinar un convenio de colaboración dotado con 5.000 euros para implantar no Centro de Recursos de Fingoi un novo modelo de atención máis humana e personalizada, baseado na autonomía, na dignidade e nos dereitos das persoas con discapacidade. O acordo permitirá desenvolver durante este ano un proxecto pioneiro que transformará o servizo de atención diúrna terapéutica mediante a incorporación do Modelo de Atención Integral e Centrada na Persoa (AICP), un enfoque avanzado que sitúa a persoa no centro da intervención e garante o seu protagonismo nas decisións que afectan á súa vida.
A achega provincial fará posible un proceso completo de mellora asistencial, que inclúe diagnóstico organizativo, análise de procedementos, formación específica para o persoal, acompañamento técnico, implementación progresiva dos cambios e avaliación continua dos resultados. O obxectivo é avanzar cara a un sistema de apoios máis personalizado, flexible e respectuoso, que recoñeza a historia de vida, as preferencias, os intereses e as capacidades de cada usuario ou usuaria, reforzando ao mesmo tempo o papel das familias e a coordinación cos equipos profesionais.
Tomé Roca subliñou que esta colaboración “responde á vontade de construír políticas sociais centradas nas persoas e non nos procedementos”. José Tomé Roca destacou que “este novo modelo permite unha atención máis humana, máis moderna e máis baseada en dereitos, que recoñece a individualidade de cada persoa e potencia a súa capacidade para decidir, participar e desenvolver o seu propio proxecto de vida”. Engadiu que a Deputación “vai continuar apoiando iniciativas que transforman realidades e dignifican a vida das persoas con discapacidade, porque a calidade dunha sociedade mídese polo seu compromiso cos dereitos e coa igualdade de oportunidades”.
Este novo modelo axudará a acompañar mellor, escoitar máis e superar enfoques asistencialistas, apostando por unha atención personalizada que recoñece capacidades e garante eleccións. Este proxecto será monitorizado e avaliado para que sexa sostible no tempo e replicable noutros centros da entidade en Galicia.
O Modelo de Atención Integral e Centrada na Persoa está hoxe avalado no ámbito sociosanitario europeo como unha referencia de calidade na atención á discapacidade e á dependencia, ao promover a autonomía persoal, a atención á historia de vida, a participación da contorna afectiva, a mellora dos vínculos profesionais e o respecto efectivo dos dereitos de cada persoa.
COGAMI
COGAMI é unha entidade socialque agrupa 58 organizacións e presta servizos en toda Galicia cunha extensa rede dirixida á inclusión social, á mellora da autonomía e á igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade. O Centro de Recursos de Fingoi, en Lugo, forma parte desta estrutura e ofrece servizos de atención diúrna terapéutica, rehabilitación, apoio educativo, intervención social e actividades ocupacionais para persoas con diferentes necesidades de apoio.
Con este convenio, a Deputación de Lugo reafirma o seu compromiso cun modelo de servizos sociais máis innovador, máis inclusivo e máis centrado nas persoas, contribuíndo a garantir que cada cidadá e cada cidadán poida desenvolver o seu proxecto de vida con dignidade, respecto e plena participación na sociedade.