Deputación de Lugo

O Presidente destaca en Pedrafita “o peso económico e social do sector primario”, na clausura da xornada de vacún de carne de ODEGA e Unións Agrarias

Pedrafita
José Tomé participou este venres no peche deste encontro que reuniu no mercado gandeiro desta localidade da Montaña a preto de 200 gandeiros e gandeiras, para abordar a situación actual e os desafíos de futuro do sector cárnico

O mandatario provincial subliñou que a Deputación colabora nesta xornada á que achega 20.000€, dentro da aposta da institución polo sector primario “que ten un impacto económico moi forte no PIB da nosa provincia”

“O vacún de carne non é só economía. Tamén significa a paisaxe que queremos ver viva, co monte limpo, co territorio aproveitado e co rural cheo de vida”, argumentou Tomé Roca, quen engadiu que, “o campo non precisa discursos baleiros, senón compromiso, continuidade e lealdade co territorio”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto ao Secretario Xeral de Unións Agrarias- UPA, Roberto García González, e ao Secretario Xeral de Unión de Pequenos Agricultores e Gandeiros (UPA), Cristóbal Cano Martín, clausurou este venres en Pedrafita do Cebreiro a xornada Xestión Medioambiental de Explotacións de Vacún de Carne,organizada pola Asociación de Desenvolvemento Rural ODEGA e Unións Agrarias-UPA. A Deputación colaborou cunha achega económica de 20.000€ na celebración do encontro, no que se abordou a situación actual e os desafíos de futuro dun sector cárnico que é fundamental para a economía da provincia.

José Tomé subliñou que o apoio da institución provincial nesta xornada, que reuniu a preto de 200 persoas no mercado gandeiro nesta localidade da Montaña Lucense, enmárcase na aposta polo sector primario, “que ten un impacto económico moi forte no PIB da nosa provincia”. Destacou que sector do vacún de carne conta con ideas, coñecemento e futuro, e que o que pide é “claridade, estabilidade e respecto polo seu traballo”. 

“O vacún de carne non só ten un impacto económico relevante, senón tamén social e ambiental, ao contribuír a manter viva a paisaxe, co monte limpo e o territorio aproveitado”, aseverou Tomé Roca, quen fixo fincapé na necesidade de compromiso e continuidade por parte das administracións e do propio sector, porque dixo, “onde hai explotacións abertas, hai futuro; cando pechan, perde a comarca enteira”. Neste sentido, resaltou que a Deputación seguirá traballando na mellora de servizos no rural da provincia, “apoiando a actividade produtiva e defendendo a idea básica que todos compartimos: quen produce alimento debe poder vivir do seu traballo con orgullo e con estabilidade”. “O campo non precisa discursos baleiros: precisa compromiso, continuidade e lealdade co territorio. E nesa tarefa, sabedes que non imos fallar”, incidiu José Tomé Roca. 

Agradeceu o Presidente aos organizadores da xornada, por organizar un encontro profesional para fomentar ocoñecemento e o intercambio de experiencias, porque,rematou dicindo, que “o rural non é pasado, é futuro, e todo o que fagamos agora será o que marque se ese futuro queda aquí, ou marcha”. 

A xornada consistiu nunha mesa redonda baixo o título Análise da situación do sector cárnico de vacún e perspectivas de futuro onde se levaron a debate asuntos como a sanidade animal, a situación do mercado ou o futuro da PAC. 

No acto de clausura participaron tamén José Luis Raposo Magdalena, Alcalde do Concello de Pedrafita do Cebreiro, Cristóbal Cano Martín, Secretario Xeral de Unión de Pequenos Agricultores e Gandeiros (UPA), Félix Porto Serantes, Vicesecretario Xeral de Unións Agrarias e Iván Raposo, Coordinador de Unións Agrarias na Comarca dos Ancares.