Deputación de Lugo
Recursos Humanos

A Deputación aproba as bases para a convocatoria de catro prazas de porteiro e cinco de auxiliar administrativo

prazas públicas
Imaxe deputación de lugo
A Xunta de Goberno deste venres sacou adiante as normas que rexerán neste proceso selectivo no que estes postos serán de acceso libre polo sistema de concurso oposición

Aprobada tamén a elaboración de varias listaxes de carácter temporal para cubrir as necesidades de persoal ATS-DUE, traballadores sociais e profesor de inglés

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres as bases específicas de dous procesos selectivos que convoca a institución provincial para o ingreso de catro prazas de porteiro e cinco de auxiliar administrativo. Así o informou a Voceira socialista e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, tras a reunión semanal celebrada esta mañá no Pazo de San Marcos. 

García Porto explicou que as normas que rexerán neste proceso selectivo, no que estes postos serán de acceso libre polo sistema de concurso oposición. E engadiu que na reunión da Xunta de Goberno tamén se deu luz verde á elaboración de varias listaxes de carácter temporal para cubrir necesidades de persoal Axudante Técnico Sanitario Diplomado Universitario en Enfermería (ATS-DUE) para a prestación de servizos nos Centros de Atención a Maiores; traballadores sociais co obxectivo de reforzar servizos de carácter asistencial; e de profesor de inglés para o Servizo de Audiovisuais, que corresponde a un posto de media xornada.

Valorou a Deputada que “a aprobación destas novas prazas e listaxes responde á necesidade de reforzar os servizos públicos e garantir unha administración próxima e eficaz. Así, asegurámonos de que os servizos provinciais conten cos medios humanos necesarios para seguir prestando unha atención digna e de máxima calidade. Especialmente no que ten que ver co ámbito social, asistencial e educativo”. 

As bases e a convocatorias de cada proceso poderán consultarse no Boletín Oficial da Provincia nas vindeiras semanas.