O Presidente mantén un encontro co embaixador de España na Arxentina para reforzar a colaboración institucional e empresarial
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, vén de manter un encontro institucional na Embaixada de España en Bos Aires co embaixador Joaquín María de Arístegui Laborde, dentro da súa axenda oficial na Arxentina.
A reunión, celebrada nun clima de cordialidade e cooperación, serviu para analizar novas vías de colaboración entre a Deputación e a representación diplomática española en cuestións vinculadas ao impulso empresarial, a proxección internacional da provincia e o apoio á comunidade galega no exterior. O embaixador amosouse especialmente sensible co traballo do mandatario provincial e expresou a súa disposición a colaborar nas necesidades empresariais e sociais que a Deputación precise para o correcto desenvolvemento das súas políticas de dinamización económica e apoio ao tecido produtivo lucense.
O presidente estivo acompañado polo senador lucense César Mogo, quen subliñou a importancia de reforzar os vínculos institucionais entre os dous territorios e o papel clave que desempeña a embaixada como canle de apoio ás administracións españolas e ás comunidades galegas asentadas no país.
Durante a conversa, abordouse tamén a boa acollida da denominada Lei de Netos, impulsada polo Goberno de España, que permitiu recibir máis de 1.042.000 solicitudes de dobre nacionalidade, fundamentalmente de descendentes de terceira e cuarta xeración. Tomé Roca destacou que se trata dun avance histórico que pon en valor as orixes e reforza a conexión emocional e cidadá entre España e os galegos da diáspora, moitos deles con raíces na provincia de Lugo.
Outro dos asuntos tratados foi o proceso de homologación e recoñecemento de titulacións no exterior, con especial referencia ao Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires, que se converteu recentemente no único centro galego en América autorizado para emitir titulacións oficiais españolas.
O embaixador Arístegui Laborde valorou moi positivamente este logro, que exemplifica o compromiso do Goberno de España coa educación e coa conservación da identidade galega na emigración.
Como mostra de agradecemento e amizade institucional, José Tomé Roca agasallou ao embaixador cun pin da Deputación de Lugo e cun exemplar do libro que recolle a historia e orixe do Pazo de San Marcos, sede da institución provincial. O presidente destacou que este obsequio simboliza “a unión entre Lugo e o mundo, entre as institucións locais e as persoas que, dende fóra, manteñen viva a nosa identidade”.