O papel das frondosas no sector forestal debátese desde hoxe nas XXXVI Xornadas Luis Asorey que patrocina a Deputación
Diferentes expertos abordarán temas vencellados ao sector forestal galego, como son o cambio climático, incendios, moratoria do eucalipto e a transición cara modelos máis diversos, entre outras cuestións que recolle o programa desta edición
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este luns no Salón de Actos do Pazo de San Marcos na inauguración das XXXVI Xornadas Luis Asorey, que se celebrarán ata o vindeiro 27 de novembro e contan co patrocinio da institución provincial. Esta edición, que ademais pode seguirse en directo a través da canle de Youtube do Servizo de Audiovisuais da Deputación, céntrase no sector forestal galego: os retos, as fortalezas, as debilidades e o papel das frondosas. As charlas, organizadas pola Real Academia Galega de Ciencias en colaboración co Campus Terra, son de acceso gratuíto e teñen lugar de 19:00 a 21:00 horas.
Rivera Capón agradeceu a implicación das entidades organizadoras e destacou que “a confluencia entre academia, sector profesional e institucións públicas é o que permite construír políticas sólidas, innovadoras e realmente útiles. Só se avanza cando o coñecemento se converte en decisión, cando a análise se converte en estratexia e cando o diálogo se converte en acción”.
No acto participaron tamén a Delegada do Campus Terra da USC, Elvira López Mosquera; o Coordinador das Xornadas, Antonio Rigueiro Rodríguez; e o Presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Juan Lema Rodicio. Tras a mesa institucional, o profesor Antonio Rigueiro, membro da RAGC e Presidente da Asociación Forestal de Galicia, impartiu a conferencia inaugural, centrada nos grandes desafíos do sector: o impacto do cambio climático, a xestión dos incendios, a moratoria do eucalipto e a necesidade de avanzar cara a modelos forestais máis equilibrados, diversos e produtivos.
Programa
18 de novembro: Sanidade forestal en Galicia: pragas e doenzas das especies frondosas de interese forestal impartida por Mª Josefa Lombardero Díaz.
19 de novembro: En bosque pequeno non hai carballos: opcións silvícolas para o carballo en Galicia a cargo de Roque Julio Rodríguez Soalleiro.
20 de novembro: O proxecto de valorización da madeira de frondosas de Galicia por Abelardo Nimo Silva.
24 de novembro: O mercado das frondosas para construción en Galicia e Europa da man de Vanesa Baño Gómez.
26 de novembro: Oportunidades do asociacionismo cara a xestión sostible dos montes. Compensación de Servizos ecosistémicos de Xosé Covelo Míguez.
27 de novembro: Estratexia para o fomento da xestión activa das masas de frondosas en Galicia a cargo de Alberte Piñeiro Tubío.