Deputación de Lugo

Unha trintena de persoas fórmanse no sector vitivinícola grazas a un curso organizado pola APEHL da man da Deputación

APEHL
Pilar García Porto
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este luns na entrega de diplomas do obradoiro A volta ao mundo en 40 viños na que están a participar profesionais do sector vitivinícola e hostaleiro

“Desde a Deputación de Lugo levamos anos defendendo un modelo de turismo non masificado, sostible, baseado en experiencias auténticas e poucos territorios representan mellor este enfoque que a Ribeira Sacra”, destacou García Porto

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este luns no Centro do Viño de Monforte de Lemos na entrega de diplomas acreditativos ás 30 persoas que están a participar no curso gratuíto A volta ao mundo en 40 viños, promovido pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo (APEHL) e impartido polo Instituto Galego do Viño. A este acto tamén asistiu o Presidente da APEHL, Cheché Real, e o Director do Instituto Galego do Viño, Xoán Cannas, entre outras autoridades.

Esta acción formativa, que rematará mañá, enmárcase dentro da colaboración económica que mantén a Deputación de Lugo coa APEHL para a promoción turística e gastronómica da provincia. O obradoiro comezou o pasado 17 de novembro e inclúe un total de 50 horas formativas na que os participantes -principalmente do mundo da hostalería e do sector vitivinícola- están a afondar en cuestións relacionadas coa enoloxía ou a análise sensorial e tamén coñeceron viños de España, Galicia e Europa, entre outros aspectos.

García Porto recordou que “desde a institución provincial levamos anos defendendo un modelo turístico moi claro: un turismo non masificado, sostible, baseado en experiencias auténticas e no respecto polo territorio. Un turismo que non persegue grandes cifras, senón visitantes que queiran coñecer de verdade o lugar ao que chegan. E poucos territorios representan mellor este enfoque que a Ribeira Sacra”. 

Na súa intervención a Deputada Provincial recordou que esta comarca da provincia “está moi preto dun momento que pode ser histórico” referíndose á posible declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade en 2026 “un recoñecemento que nos traería novas oportunidades, máis visibilidade e tamén máis responsabilidade na forma de xestionar este territorio. Por iso, formacións coma esta son tan relevantes, danvos ferramentas, criterio e perspectiva nun momento clave para o futuro turístico da comarca e de toda a provincia”.