Deputación de Lugo

A Deputación colabora co Club Fluvial de Begonte no impulso de actividades culturais e turísticas

JOSE TOMÉ
Club Fluvial de Lugo
Begonte
O Presidente provincial, José Tomé Roca, vén de asinar cun dos responsables da entidade un convenio de colaboración,a través do cal a institución provincial achega 6.000€ para a celebración da Festa da Empanada

A Deputación de Lugoreforza o seu compromiso co dinamismo cultural e social do municipio de Begonte mediante o apoio á actividade do Centro de Iniciativas e Turismo do Club Fluvial, entidade que desde 1969 promove iniciativas culturais, recreativas, deportivas e turísticas co obxectivo de poñer en valor a vida social e cultural dos veciños e veciñas da vila e da súa bisbarra. 

José Tomé Roca vén de asinar co responsable da entidade, Alejandro Varela Quijada, un convenio de colaboración mediante o cal a Deputación achegará 6.000 euros para a celebración dunha das citas máis destacadas do ano: a Festa da Empanada. “Esta cita gastronómica reúne cada verán a veciños e veciñas na contorna fluvial de Begonte, converténdose nun trampolín para promocionar este espazo natural e poñer en valor os recursos turísticos da comarca”, destacou José Tomé Roca.

Así mesmo, o Presidente salientou que este apoio contribúe a seguir consolidando “un modelo de turismo de calidade, sostible, con capacidade para atraer visitantes todo o ano, que coida o medio ambiente e pon en valor o patrimonio, e que crea riqueza, sobre todo nas zonas rurais”, sinalou. 

Case cinco décadas promovendo cultura, turismo e ocio en Begonte

O Centro de Iniciativas e Turismo Club Fluvial de Begonte é unha entidade do municipio que, de forma altruísta, impulsa iniciativas que melloran a calidade de vida da veciñanza e fomentan o turismo local, poñendo tamén ao servizo da sociedade as súas instalacións e equipamentos. A súa longa traxectoria e singularidade fan dela un referente tanto en Begonte como na provincia.