A Deputación participa en Xirona nun novo encontro da Rede de Vilas Termais da FEMP
A Deputada de Muller e Igualdade e Alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira Morandeira, participou este xoves nun novo encontro de Vilas Termais da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) que se está a celebrar desde o 4 ao 6 de febreiro no municipio Caldes de Malavella, en Xirona. Ao evento, que ten lugar no Balneario Vichy Catalán, asistiron diferentes entidades socias, expertos e responsables políticos.
Nesta xornada, Marisol Morandeira participou xunto aos representantes institucionais da entidade, na reunión do Consello de Goberno da Rede de Vilas Termais. Esta sesión, na que se aprobou o plan de actuación ou a previsión orzamentaria para este ano, serviu para avanzar en liñas estratéxicas comúns e reforzar o papel do termalismo como recurso de saúde, benestar e desenvolvemento local.
Posteriormente, a Deputada provincial tamén asistiu á xornada que se celebrou no marco deste encontro Termalismo e sistema de saúde. No simposio abordáronse cuestións fundamentais para o presente e o futuro do termalismo como: a súa integración nas políticas públicas de saúde; os avances científicos e a investigación en saúde termal; a colaboración público privada e a actividade da Rede de Vilas Termais para este 2026.