A Presidenta felicita á Mancomunidade pola campaña das Carolas, que “constrúe un modelo turístico fiel á identidade da Mariña”
Carmela López sinalou que esta acción turística supón “unha viaxe ao que somos e ao que nos fai diferentes”, e engadiu que “visitar a Mariña é descubrir unha maneira de vivir, de relacionarse co tempo, coa paisaxe e coas persoas”
A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, participou este xoves no Salón de Actos do IES de Foz na presentación da campaña A Mariña, unha viaxe á identidade, impulsada pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense. López felicitou á Mancomunidade da Mariña Lucense, e na entrega dos 26 diplomas do Sistema Integral de Calidade Turística en Destino (SICTED) ás empresas e servizos da comarca recoñecidos polo seu compromiso coa calidade e a atención ao visitante.
Durante o acto, Carmela López felicitou á Mancomunidade pola campaña que rende homenaxe ás Carolas, pioneiras do turismo na Mariña, sinalando que “constrúe un modelo turístico fiel á identidade desta comarca”. Engadiu ademais que esta acción turística supón “unha viaxe ao que somos e ao que nos fai diferentes” e destacou que “visitar a Mariña é descubrir unha maneira de vivir, de relacionarse co tempo, coa paisaxe e coa xente”. Lembrou a constante colaboración que mantén a institución provincial coa Mancomunidade, coa que colabora cunha achega de 25.000€ para realizar accións coma esta que impulsan a comarca como xeodestino de referencia para reforzar a promoción turística da comarca e mellorar o posicionamento da marca A Mariña.
A Presidenta subliñou que a campaña reforza “un modelo turístico baseado no benestar e na autenticidade, que conecta coa esencia do territorio e coa súa cultura”. Ademais, felicitou ao tecido empresarial pola súa implicación, lembrando que “cada recoñecemento representa profesionalidade, atención e unha forma de facer que suma calidade ao conxunto do destino”. López reafirmou o compromiso da Deputación “cun modelo turístico sostible, enraizado no territorio e xerador de oportunidades reais para a xente da comarca”.
As Carolas e o turismo de benestar da Mariña
A campaña A Mariña, unha viaxe á identidade pon en valor o poder sanador do mar, o goce do tempo e un modelo de turismo de benestar e consciente, tendo como protagonistas ás Carolas, tamén coñecidas como Canouras. A finais do século XIX e ao longo do XX, estas mulleres procedentes dos municipios do interior da provincia achegábanse á costa mariñá para tomar os populares baños de mar, unha tradición que se consolidou tanto por prescrición médica como por recomendación de coñecidos.
Esta homenaxe á figura das Carolas forma parte das propostas turísticas da Mancomunidade ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense (PST). O proxecto busca afondar na identidade do territorio a través dos seus valores, das súas tradicións e das súas xentes, así como recuperar e poñer en valor o patrimonio inmaterial propio da comarca.