Navia de Suarna porá á venda este domingo preto de 2.000 androllas, co apoio da Deputación
O Deputado de Promoción Económica e Social, PabloRivera, o Alcalde de Navia de Suarna, José Fernández Fernández, e a responsable de Embutidos Suarna, Mari Carmen Sánchez, presentaron este xoves na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos a XXXV Festa da Androlla, que porá á venda preto de 2.000 androllas este domingo de Entroido. A institución provincial é a única administración colaboradora con esta cita, á que achega unha aportación económica de 3.000 euros, a través do Plan Deputación de Cooperación cos Concellos.
Durante o acto, Pablo Rivera subliñou a importancia desta festa destacando que “camiñamos cara ás catro décadas dunha das citas gastronómicas máis antigas e consolidadas de Galicia”. Engadiu que “a Festa da Androlla non é só unha celebración da nosa tradición culinaria, senón tamén un motor económico e cultural fundamental para Navia de Suarna e para toda a comarca da Montaña”.
O Deputado aproveitou tamén a ocasión para reivindicar o rural e sinalou que esta festa reflicte a necesidade que teñen os concellos pequenos e subliñou que, “para facerlle fronte a esa realidade, é fundamental contar co apoio das institucións, como fai a Deputación, preocupándose especialmente polos municipios de menos de 5.000 habitantes.
Resaltou tamén que “nestes días de Entroido non hai mellor plan que achegarse á Montaña lucense para desfrutar dun bo cocido coa androlla como protagonista”. Ademais, felicitou ao Alcalde e aos produtores por manter viva esta tradición e subliñou que “arredor da androlla hai unha industria que xera emprego de calidade, fixa poboación e xera oportunidades no noso rural”, rematou Rivera Capón.
Pola súa banda, o Alcalde de Navia de Suarna agradeceu o apoio constante da Deputación, “xa que sen a súa colaboración sería moi complicado sacar adiante esta cita”. Así mesmo, animou a degustar este embutido típico destas datas de troula, ao que definiu “como un gran embaixador dos Ancares e de toda a provincia, a que os produtores reciben encargos de distintos puntos do mundo”.
Música e degustación
O programa de actividades arrancará ás 10.00 horas co pasarrúas a cargo do grupo de gaitas; ás 10.30 horas dará comezo a XXXV Festa da Androlla e a apertura de stands, onde ao longo de todo o día poderanse adquirir produtos típicos e tamén artesanais. Ás 13.00 horas terá lugar a tradicional degustación da Androlla na Praza da Vila; ás 15:00 horas celebrarase a comida oficial, e por último ás 18.00 horas a actuación de gaitas pechará esta nova edición.