A Deputación comprométese co persoal do GES e defenderá a prestación do servizo en Cervo
Aprobada por unanimidade a Declaración Institucional polo 8M, centrada este ano nas mulleres que sosteñen a administración local, recoñece a aquelas que traballan en ámbitos e funcións chave na xestión provincial como a planificación de servizos
A Deputación comprométese co persoal do Grupo de Emerxencias Supramunicipais (GES) e defenderá a prestación do servizo en Cervo, pechado desde finais do 2024 tras a decisión unilateral do Concello. Así o acordou o Pleno Ordinario celebrado este martes no Pazo de San Marcos tras unha moción de urxencia presentada de forma conxunta polos partidos de Goberno para elevar unha instancia, a petición dos traballadores, para que Xunta, FEGAMP e Deputacións convoquen a Comisión de Seguimento do convenio dos GES, co fin de avaliar o funcionamento do servizo neste municipio.
Esta iniciativa saíu adiante por unanimidade, cos votos favorables de todos os grupos que conforman a Corporación provincial: PSdeG, BNG, o Deputado non adscrito e o PP.
Pilar García Porto, expuxo como Voceira socialista do Goberno que actualmente existen na provincia cinco Grupos de Emerxencias Supramunicipais nos concellos de Friol, A Pontenova, Quiroga, Folgoso do Courel e Monterroso, que continúan prestando servizo. Asegurou que “nos últimos anos, a rede de GES sufriu cambios e dificultades”, e que se trata dun servizo público esencial no sistema de atención ás emerxencias, especialmente en territorios rurais e con alta dispersión da poboación.
Tras manter unha reunión cos representantes do persoal do GES, o Goberno de Carmela López acordou con eles preparar unha moción de urxencia para tratar de atopar unha solución que garanta un servizo eficiente na provincia.
“Os profesionais do GES desenvolven unha labor esencial no apoio e intervención ante incidencias e emerxencias no territorio, en coordinación co resto de servizos”, asegurou García Porto. Relatou que o caso máis grave da provincia é o de Cervo, onde o este grupo está pechado. “Unha situación singular que debe abordarse de maneira inmediata ao tratarse dun servizo que pode ser recuperado, tendo en conta que os seus efectivos continúan vinculados ao Concello”, argumentou.
A Voceira socialista subliñou que resulta necesario analizar as condicións para a súa reapertura e reforzar a capacidade de resposta ante emerxencias na comarca da Mariña.
O texto, que prepararon de forma conxunta o PSdeG e o BNG, esixe que, ademais da convocatoria do órgano de control con carácter de urxencia; no marco da comisión, se aborde de maneira específica o peche do GES de Cervo, definindo as medidas necesarias para proceder a súa reapertura e garantir a cobertura efectiva da comarca da Mariña; e instar as administracións asistentes a adoptar as medidas necesarias para garantir un servizo de emerxencia eficaz, coordinado e adaptado ás necesidades reais do territorio.
Declaración institucional polo 8M
O Pleno ordinario celebrado esta mañá aprobou tamén por unanimidade de todos os grupos con representación na Corporación provincial, unha Declaración Institucional polo 8M centrada nas mulleres que sosteñen a administración local. O documento deste ano con motivo do Día Internacional da Muller -que se celebrará o vindeiro 8 de marzo- recoñece ás mulleres que traballan na Administración pública en ámbitos e funcións clave na xestión provincial como a planificación de servizos, o deseño dos pobos e das cidades, a xestión económica, a contratación pública ou programando e prestando servizos á comunidade.