Adai acollerá o Campionato Galego de Billar Feminino do 3 ao 5 de abril, co apoio da Vicepresidencia da Deputación
A Vicepresidencia da Deputación colabora un ano máis co Club de Billar de Adai na organización do Campionato Galgo de Billar Feminino, que se celebrará do 3 ao 5 de abril en Santiago de Adai, no Corgo.
Trátase da quinta edición do torneo, que contou desde o inicio coa colaboración da institución provincial e que consolidou o club corgués como un referente do billar feminino en todo o país. En liña co obxectivo de ampliar a participación feminina neste deporte, este ano o campionato incorpora como novidade a categoría Bola-8 -nas pasadas edicións a competición desenvolvérase soamente nas modalidades Bola 9 e Bola 10-.
O Club de Billar Adai agarda unha participación entre 16 e 32 xogadoras de toda Galiza, que competirán polas prazas en xogo – 4 por modalidade - para participar nos Campionatos de España de Billar, que organizará tamén o club corgués, do 21 ao 24 de maio.
O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro valorou “o labor de promoción do billar feminino que ven facendo o club, que converteu Adai nun lugar de referencia a nivel estatal” e encadrou o “apoio ao club na colaboración con entidades de toda a provincia, para crear un tecido deportivo que ofreza alternativas de ocio e competición diversas”
O campionato retransmitirase vía streaming a través da plataforma especializada en billar www.cuescore.com e nas redes sociais de facebook e instagram do Club de Billar Adai, ampliando a difusión do deporte galego feminino entre o resto de comunidade billarística así como doutros públicos con presenza dixital.