Deputación de Lugo

A Deputación aproba un novo investimento de máis de medio millón de euros para mellorar a mobilidade en Ourol, Ribas de Sil e Friol

Xunta de Goberno
Pablo Rivera Capón
A Xunta de Goberno licitou este venres tres proxectos para rehabilitar o firme de tres estradas provinciais: a LU-P-3807, de Bravos a San Pantaleón; a LU-P-5301 de San Clodio ao Alto da Cruz; e a LU-P-2106 de Friol a Lousado

Aprobada a adhesión da Deputación de Lugo ao convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e a FEGAMP para compartir plataformas, recursos e servizos tecnolóxicos entre administracións

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a licitación de tres novos proxectos cun investimento conxunto de 560.472,31€ para mellorar tres vías provincias ao seu paso polos concellos de Ourol, Ribas de Sil e Friol. Así o avanzou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, tras a reunión da Xunta de Goberno. 

Rivera Capón detallou que “destinamos 110.607,69€ á execución das obras de reparación dun treito da LU-P-3807, no municipio de Ourol. Trátase da vía que conecta as parroquias de Bravos e San Pantaleón ao seu paso por Foxo”. Os traballos afectarán a un tramo de algo máis de 3 quilómetros -desde o punto 6,510 ao 9,543- e consistirán na reapertura de cunetas, reparación de danos e repavimentación. 

Recordou ademais que esta vía “resultou gravemente afectada polas intensas borrascas que sufrimos este inverno, provocando incluso o derrubamento dunha ponte” e avanzou que a institución provincial está tramitando o arranxo e “está previsto que as obras teñan lugar antes incluso de comezar este proxecto que licitamos hoxe”. 

Licitado tamén por 144.762,83€ a reparación dun treito da LU-P-5301, en Ribas de Sil. “Tal e como o anunciou a Presidenta da Deputación fai uns días cando a visitamos xunto co Alcalde, melloraremos un tramo de case 2 quilómetros -do punto 6,200 ao 8,198- desta vía que vertebra o municipio e comunica o núcleo urbano de San Clodio cos distintos miradoiros de montaña ata Alto da Cruz”. 

Os traballos consistirán na reapertura de cunetas, na pavimentación con aglomerado en quente e no repintado da vía. Con este novo proxecto, a estrada quedaría acondicionada en practicamente todo o seu trazado, posto que “desde a institución provincial xa melloramos outro treito desta estrada, concretamente o que vai entre os quilómetros 3,1 e 6,2”. 

Por último no que ten que ver coa mobilidade da provincia, na reunión deste venres a Deputación deu luz verde á licitación por 305.101,79€ do arranxo dun tramo de case 11 quilómetros de LU-P-2106, en Friol. Trátase dun proxecto co que a estrada, que conecta este municipio co lugar de Lousado polo de Cimadevila, quedará completamente renovada.

As obras consistirán na reapertura de cunetas, na reparación de danos, na repavimentación e na reposición da sinalización vertical. O prazo dos tres proxectos de mellora teñen un prazo de execución de catro meses. 

Pablo Rivera fixo especial fincapé en que “o noso compromiso coa mellora da rede viaria provincial non entende de partidos nin de cores políticas, senón que responde a unha prioridade clara: garantir a seguridade dos veciños e veciñas e asegurar as conexións nos 67 municipios da provincia. Para nós, investir en mobilidade é tamén investir en cohesión territorial”. 

 

Adhesión ao convenio entre a Xunta de Galicia e a FEGAMP


Nesta reunión, tamén se aprobou a adhesión da Deputación de Lugo ao convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e a FEGAMP para o uso de ferramentas dixitais. “Así o anunciou a Presidenta da institución provincial esta mesma semana tras manter un encontro co Presidente da FEGAMP. Nese sentido, renovamos esta adhesión ao acordo que pretende compartir plataformas, recursos e servizos tecnolóxicos entre administracións. O obxectivo é achegar a administración á cidadanía, facela máis eficiente, ao tempo que tamén permite que as entidades locais accedan a un catálogo de servizos centralizado”. 

Detallou ademais que “algúns dos servizos aos que se poderá ter acceso a través deste convenio son o Chave365, servizos de certificación dixital ou sistemas de tradución automatizada, como o Gaio. Ademais, tamén se inclúen programas especializados en ciberseguridade ou na protección de datos persoais, entre outros”.