A Vicepresidencia da Deputación celebra os Días Europeos da Artesanía, con demostracións de coiro, cerámica e tear do 9 ao 12 de abril na Capela de Santa María
A Vicepresidencia da Deputación súmase á celebración dos Días Europeos da Artesanía cun programa de demostracións participativas que se realizarán do xoves 9 ao domingo 12 de abril na Capela de Santa María, en Lugo.
As persoas asistentes poderán coñecer de primeira man e experimentar cos materiais e técnicas de artesás de cerámica, coiro e tear. As actividades desenvolveranse en horario de mañá -de 11.00 a 14.00 horas – e tarde -de 17.30 a 19.30 horas – con asistencia libre e gratuíta.
O vicepresidente da Deputación Efrén Castro e a deputada de Cultura Iria Castro, acompañadas por Iria Buide, concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, e Álex Penas, concelleiro de Infraestrutura, presentaron o programa das xornadas, que buscan achegar o traballo artesán ao público en xeral.
Ademais das demostracións participativas, as persoas que se achegue á Capela poderán ver un amplo mostrario de ferramentas e de pezas elaboradas polas artesáns participantes.
Obradoiros e demostracións.
Mercedes Buján de “Bolboretas de coiro”
• Demostración participativa na que os asistentes poderán participar na elaboración dunha flor feita en coiro e levala como agasallo.
Inmaculada Díaz Cabado de “ La bellota mágica”
• Demostración participativa nas que os asistentes poderán modelar unha peza coas súas mans
Lourdes Otero de “Fusaiola”
• Demostración de montaxe de tear de alto e baixo lizo
• As persoas asistentes poderán sentarse fronte ao tear e tecer uns centímetros guiadas pola artesá.
MªJosefa Sánchez Castedo de “Ceniza de papel”
• Demostración participativa na que as persoas asistentes poderán crear unha peza no torno e decorala utilizando diferentes técnicas
Sonia Argiz de “Mimacuir”
• Demostración participativa na que as persoas participantes poderán facer unha pequena peza de coiro
Días Europeos da Artesanía
Os Días Europeos da Artesanía, que teñen a súa orixe en Francia, celébranse simultaneamente nunha vintena de países europeos que se foron sumando á convocatoria desde 2002. En España, a convocatoria está promovida pola Organización de Artesáns de España Oficio y Arte, a Escola de Organización Industrial e Fundesarte.
As xornadas, que buscan achegar o traballo artesán ao público xeral, organízanse este ano baixo o lema “Cœurs à l’ouvrage” ou “Co corazón no ofico”, que pon o foco o traballo colectivo, as redes locais e a artesanía como parte activa da vida cultural e económica.