Deputación de Lugo

O Resurrection Fest celebrará a súa XXI edición cun patrocinio da Deputación de 150.000€

Resurrection Fest
Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno deste venres deu luz verde á aprobación deste acordo para apoiar un festival consolidado como un dos grandes referentes internacionais no ámbito do rock e do metal. Este ano celebrarase do 1 ao 4 de xullo

“Desde a Deputación de Lugo colaboramos en cada edición, porque apoiando este tipo de iniciativas estamos apoiando a economía local, xerando emprego e impulsando sectores estratéxicos como a hostalería, o comercio e os servizos”, valorou García Porto
 

A XXI edición do Resurrection Fest de Viveiro, que se celebrará do 1 ao 4 de xullo neste municipio mariñán contará un ano máis cun patrocinio da Deputación de Lugo de 150.000€. Así o anunciou a Voceira socialista, Pilar García Porto, tras a reunión da Xunta de Goberno deste venres e detallou que “demos luz verde a este contrato de patrocinio para apoiar un festival consolidado como un dos grandes referentes internacionais no ámbito do rock e do metal”. 

Valorou García Porto que “cada ano, desfrutan deste evento milleiros de persoas chegados de diferentes puntos de España e do estranxeiro, polo que o Resu contribúe a situar a nosa provincia no circuíto dos grandes eventos musicais”. Nese sentido, recalcou que a institución provincial colabora “ano tras ano porque apoiando este tipo de iniciativas estamos apoiando a economía local, xerando emprego e impulsando sectores estratéxicos como a hostalería, o comercio e os servizos”. 

Así mesmo, enmarcou este patrocinio dentro da aposta da Deputación por impulsar un turismo sostible, de calidade e de experiencias “que, neste caso, contribúen a dinamizar a comarca mariñá e a todo o conxunto da nosa provincia” reiterou. 

Programa


O cartel deste ano, que Pilar García Porto, definiu como “de primeiro nivel” inclúe a actuación de máis de 80 artistas como: Sabaton; A Day To Remember; Thrown; Iron Maiden; Anthrax; Angelus Apatrida; Limp Bizkit; Trivium; Bleed From Within; Marilyn Manson; Mastodon; P.O.D; Blood Incantation; Dogma ou The Vintage Caravan, entre outros moitos. As persoas interesadas en asistir a este evento poden adquirir as súas entradas e consultar a programación ao completo na páxina web: https://www.resurrectionfest.es/