A Presidenta da Deputación recibe aos usuarios de AFAN Burela que viaxan hoxe co Coñece a túa provincia
Recalcou a mandataria provincial “a importancia de iniciativas coma esta, que permiten achegar o noso patrimonio natural, cultural e histórico á veciñanza” e recordou que nesta sexta edición do programa participarán unhas 3.000 persoas
Máis de 180 veciños e veciñas de 8 entidades lucenses coñecerán esta semana os encantos da Mariña, a Ribeira Sacra e a comarca de Sarria a través desta proposta gratuíta organizada pola institución provincial
A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, deu a benvida este martes no Salón de Actos do Pazo de San Marcos aos 18 usuarios e usuarias da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e Outras Demencias de Burela, que participan durante a xornada de hoxe no Coñece a túa provincia. O grupo iniciou a ruta visitando as dependencias da institución provincial e descubrindo o seu funcionamento, para despois percorrer o casco antigo da cidade lucense, a Muralla Romana ou o Museo Provincial, entre outros espazos.
Carmela López saudou aos membros desta entidade destacado “a importancia de iniciativas coma esta, que permiten achegar o noso patrimonio natural, cultural e histórico á veciñanza”. Avanzou que “o programa está dirixido a entidades sen ánimo de lucro dos 67 concellos da provincia para que poidan desfrutar dos recursos do noso territorio dunha forma accesible e gratuíta”. A mandataria provincial recordou que nesta sexta edición, que vimos de iniciar recentemente, participarán unhas 3.000 persoas”.
180 veciños de 8 entidades viaxan esta semana
Esta semana participarán nesta iniciativa gratuíta máis de 180 veciños e veciñas de 8 entidades lucenses que viaxarán ata a Mariña, a Ribeira Sacra e a comarca de Sarria. Nese sentido, a maiores de AFAN Burela este mesmo martes tamén participaron no Coñece a Asociación de Veciños As Victorias, de Pantón, que partiron a ruta desde o Mazo de Santa Comba para despois realizar un percorrido polo paseo marítimo de Barreiros, visitar a praia das Catedrais e coñecer a parroquia de Rinlo.
O mércores será a quenda para a Asociación de Veciños de Mañente, de Pantón; e a Agrupación Deportiva San Xulián de Nois, de Foz. Os primeiros iniciarán a viaxe na Granxa Gayoso Castro e continuarán ata a zona de Burela; e os segundos comezarán descubrindo as rutinas de traballo da produtora do Servizo de Audiovisuais para despois achegarse ata o Museo Comarcal da Fonsagrada e a unha fábrica de embutidos.
O xoves participarán a Asociación de Veciños de Cerxedo, de Paradela; e a Asociación de Veciños de San Xurxo O Refugio, de Lourenzá. Os veciños e veciñas de Paradela coñecerán a produtora da Deputación e continuarán a visita ata a fábrica de Sargadelos e o pobo de San Cibrao; mentres que, os membros do colectivo mariñán iniciarán a ruta desde a Granxa Gayoso Castro e logo achegaranse ata Gundivós e o Canón do Sil.
Pecharán as visitas desta semana a Asociación de Veciños San Martín de Carral, de Begonte, que comezarán descubrindo a Granxa Gayoso Castro e continuarán ata a Mariña; e a Asociación de Veciños San Pedro da Ribeira, da Pontenova, que comezarán no Mazo de Santa de Comba e viaxarán ata a aldea do Cebreiro e á localidade de Triacastela.