Arrancan as obras no tramo final da LU-P-4802, que une A Pontenova e Ribeira de Piquín
A Deputación de Lugo vén de iniciar as obras de rehabilitación da LU-P-4802, que conecta os concellos da Pontenova e Ribeira de Piquín. Os traballos afectan ao treito final da vía, na comarca da Montaña lucense, nun tramo de tres quilómetros que transcorre paralelo ao río Eo, desde a parroquia de Santalla ata Ponte Soutelo.
A empresa Ovisa Pavimentos y Obras SLU é a encargada da actuación, que comezou coa reapertura de cunetas e continuará coa execución dunha escollera, a pavimentación con aglomerado en quente e a renovación da sinalización horizontal e vertical.
Trátase dunha actuación relevante que mellora a seguridade viaria e a conectividade entre as comarcas da Mariña e da Montaña, vertebrando as parroquias situadas no val do Eo, unha zona de alto valor natural e paisaxístico.