Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación reforza o muro que permitirá reabrir a LU-P-1801 entre Os Peares e Chantada

REDE DE ESTRADAS PROVINCIAIS
Chantada
Rematado o estudo xeoténico do terreo, os técnicos traballan xa no reforzo da estrutura mediante micropilotes e ancoraxes que permitirán restaurar a circulación nesta vía, interrompida ao seu paso pola parroquia de Nogueira de Miño

A Deputación de Lugo está xa a reforzar o muro de sostemento que permitirá reabrir a  estrada LU-P-1801 entre Os Peares e Chantada. A vía pechárase tras a aparición, no quilómetro 14,5, ao seu paso pola parroquia de Nogueira de Miño, dun desprazamento do muro de contención nun tramo duns 35 metros. Hai unhas semanas que a institución provincial comezara os traballos de emerxencia nesta vía coa realización dun estudo xeotécnico do terreo para valorar a problemática.

Este venres comezaron as actuacións para reforzar o muro mediante unha pantalla de micropilotes e a súa suxeición á mesma mediante ancoraxes, co obxectivo de estabilizar o muro e restablecer as condicións de seguridade da vía. Das actuacións encárgase empresa Xermolo S.A, que ten un prazo de execución previsto de catro meses.

Desde a detección da incidencia, o tramo permanece pechado ao tráfico. Trátase dunha obra complexa por ser unha zona de especiais condicións orográficas da contorna e pola súa proximidade ao leito do río Miño, nunha zona de viñedos con actividade agrícola e tráfico local. O orzamento para estes traballos supera os 330.000 euros e enmárcase nas intervencións urxentes da Deputación de Lugo para garantir a conservación e seguridade da rede viaria provincial.