Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación potencia o turismo na Ribeira Sacra apoiando unha vintena de actividades en Quiroga

Quiroga
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo participou este xoves na presentación da terceira edición de Descubrir Quiroga, un programa de turismo municipal que inclúe rutas de sendeirismo, piragüismo, parapente, ou visitas a museos

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este xoves na presentación da terceira edición de Descubrir Quiroga. Este programa turístico impulsado polo Concello e co que colabora a Deputación inclúe unha vintena de actividades diferentes que poñen en valor o patrimonio natural, cultural e etnográfico do municipio.

“Falamos dun territorio privilexiado”, valorou García Porto, que enmarcou o concello “no corazón da Ribeira Sacra e da xeografía única do Xeoparque Montañas do Courel, dous espazos que converten esta zona nun referente para quen busca experiencias ligadas á natureza, ao patrimonio, á gastronomía ou a identidade”. Sinalou que na Deputación de Lugo “temos moi claro” que o futuro turístico da provincia pasa precisamente por un modelo sostible, de experiencias, vencellado ao territorio, capaz de xerar oportunidades económicas sen perder a esencia.

Descubrir Quiroga presentouse na Casa da Cultura da localidade, e no acto participaron tamén o Alcalde, José Luis Rivera Castro; o Tenente de Alcalde, Vicente Parra; e unha técnica de turismo que deu conta das diferentes actividades. 

Este sábado a programación comezará cunha etapa polo Camiño de Inverno. Ata outubro haberá todos os meses diferentes actividades que inclúen rutas de sendeirismo, visitas aos museos da contorna, barranquismo, parapente, piragüismo, un paseo nocturno guiado, observación astronómica ou unha visita interpretada a Montefurado.