A Presidenta supervisa as melloras na estrada provincial á altura da praia de Altar con 210.000€
“Trátase dunha actuación moi relevante para Barreiros e A Mariña, porque mellora o firme de acceso ás praias e dálle unha nova imaxe á contorna litoral coa creación dunha glorieta e o acondicionamento de 80 prazas de aparcadoiro e de zonas peonís”
A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, vén de comprobar o resultado dos traballos de renovación do firme da estrada LU-P-0610, a vía que que conecta as praias da costa de Barreiros. Uns traballos que melloraron un treito de 1,272 quilómetros, concretamente, o tramo que vai desde o inicio da vía ata o punto quilométrico 1,422 cun investimento de preto de 210.000€.
Carmela López supervisou coa Alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida; a tenente de Alcaldesa, Carmen Veiga; e concelleiros e concelleiras municipais, estas obras que realizou a empresa Construcciones Isidro Otero SL. As tarefas consistiron na reapertura de cunetas, melloras na drenaxe e o alumeado público, a repavimentación con aglomerado en quente. Así mesmo, executouse o pintado da vía con marcas reflexivas brancas, a delimitación de 80 prazas de aparcadoiro mediante cebreados, e a instalación da sinalización vertical. A actuación complétase coa colocación de mobiliario urbano, contribuíndo a mellorar tanto a funcionalidade como a imaxe da contorna.
A Presidenta destacou que “esta é unha actuación moi relevante para o municipio mariñán xa que esta estrada conta cun elevado volume de tráfico especialmente durante a época estival, ao tratarse do principal acceso ás praias e aos establecementos hostaleiros da costa”. Este proxecto mellorará a seguridade viaria e o confort na circulación tanto para residentes como para visitantes.
Engadiu ademais que “non só mellora a mobilidade na zona, senón tamén dá unha nova imaxe á contorna litoral de cara ao verán, co acondicionamento de 80 prazas de aparcadoiro á altura da praia de Altar, configurando un espazo máis ordenado, funcional e cunha estética máis coidada para veciños e visitantes”.
Así mesmo, indicou a Presidenta que esta actuación forma parte da aposta decidida da Deputación por mellorar a rede viaria provincial e contribuír ao desenvolvemento socioeconómico dos concellos, “contribuíndo como no caso de Barreiros a reforzar a súa proxección turística e a mellorar o acceso a un dos seus principais atractivos naturais”.
Preto de 500.000€ investidos nesta vía
Esta actuación súmase a outras melloras xa acometidas pola Deputación nesta vía provincial, concretamente nos treitos comprendidos entre os quilómetros 1,400 e 3,410, e entre o 3,400 e o 5,400, o que ascende o investimento total a preto de 500.000 euros.
Así mesmo, a institución provincial realizou outras intervencións na rede viaria ao seu paso por Barreiros. Neste sentido, xa se rehabilitou na súa totalidade a estrada LU-P-0611, cun investimento de 210.000 euros, que conecta o Barrio Novo na N-634 coa Praia de Coto e enlaza ademais directamente coa LU-P-0610. Tamén se mellorou integramente a LU-P-0602, que une San Cosme coa praia de Barreiros a través de Remior.
A Presidenta enmarcou estas actuacións no “firme compromiso que mantemos coa mellora da rede provincial, a máis extensa de España con máis de 4.000 quilómetros de lonxitude”, destacando que se trata dunha aposta constante pola seguridade viaria, a vertebración do territorio e a mellora da calidade de vida da veciñanza, especialmente no ámbito rural.