Cooperación concellos
Deputación de Lugo

Carmela López anuncia en Lourenzá que a Deputación mellorará dúas naves do feiral cun investimento de 150.000€

Lourenzá
A Presidenta da Deputación de Lugo visitou xunto a Alcaldesa do municipio o recinto feiral Ponte de Cuñas, onde a institución provincial investiu 111.000€ na conversión dunha nave municipal en centro multiusos e comprometeu melloras noutras dúas naves

Comprobaron o estado da contorna das vivendas sociais do barrio do Pedrón, onde o Concello acondicionará o pavimento degradado con algo máis de 50.000€ achegados pola Deputación de Lugo a través dun convenio de colaboración asinado a finais do 2025

Percorreron ademais parte da antiga N-634 que conecta Arroxo co núcleo urbano e onde se van licitar as obras de mellora dos dous últimos tramos grazas aos case 165.000€ de fondos do Plan Deputación

A Presidenta da Deputación, Carmela López, e a Alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, veñen de supervisar diferentes investimentos da institución provincial no municipio mariñán por un importe conxunto que supera os 326.000€. Unha visita na que estiveron acompañados polos concelleiros Javier Huertas, Manuel Arango e Mario Leitón, e na que anunciaron novos compromisos e acordos entre ambas entidades que virán mellorar diferentes dotacións e servizos públicos.

“Apoiar aos concellos é unha das nosas máximas prioridades, especialmente a aqueles máis pequenos que non teñen capacidade para ofrecer e manter servizos públicos de calidade, necesarios para a poboación. Hoxe vimos aquí a comprobar como a Deputación de Lugo está a cumprir con Lourenzá, garantindo que os seus veciños e veciñas teñan acceso infraestruturas, maquinaria ou espazos que contribúen a mellorar o seu día a día”, valorou Carmela López.

O recinto feiral Ponte de Cuñas foi a primeira parada da Presidenta e a Alcaldesa. Alí comprobaron a rehabilitación dunha nave municipal, cun investimento da Deputación de 111.000€, para a súa conversión nun centro multiusos. Carmela López aproveitou para anunciar o seu compromiso para investir outros 150.000€ no complexo e poder acondicionar outras dúas naves. Á saída, na mesma explanada, supervisaron un tractor adquirido para o parque móbil municipal con algo máis de 50.000€ do Plan Deputación. Unha ferramenta polivalente para cubrir diferentes servizos municipais como rozas, mantemento de zonas verdes ou traballos forestais.

Melloras na antiga N-634

Percorreron tamén unha parte da antiga N-634, agora de titularidade municipal, que conecta o lugar de Arroxo co núcleo urbano. Comprobaron os tramos arranxados e os dous últimos que se mellorarán destinando preto de 165.000€ do Plan Deputación. Trátase dunha vía con moita importancia na Mariña porque é moi utilizada pola veciñanza, transporte agrícola e peregrinos. 

Traballos do Parque Móbil 

As dúas mandatarias supervisaron tamén os traballos realizados polos equipos do Parque Móbil no municipio, que serviron para abrir e limpar 8 quilómetros de pistas forestais, así como para rexener 10 quilómetros de estradas municipais. 

Unha delas, foi a que conecta Lourenzá coa parroquia de San Xusto, en Barreiros, onde se acondicionaron os desperfectos do pavimento nunha vía con moito tránsito diario de vehículos. Nesta visita, foron acompañadas pola tenente de alcaldesa de Barreiros, Carmen Veiga. 

Renovar a contorna das vivendas sociais

Finalmente, visitaron o barrio do Pedrón, para comprobar o estado da contorna das vivendas sociais, onde o Concello acondicionará o pavimento degradado con algo máis de 50.000€ achegados pola Deputación de Lugo a través dun convenio de colaboración que inclúe varias actuacións.