O Goberno da Deputación garante aos clubs lucenses o uso do Pazo dos Deportes e o ascenso do CB Breogán
- A aprobación desta medida é fundamental para que o CB Breogán poida equilibrar a súa situación patrimonial e, polo tanto, para superar a auditoría á que será sometido nas próximas datas pola ACB, logo de proclamarse campión da LEB Ouro
- O Deputado subliñou que se trata “dunha cesión que se fai en beneficio de todos os equipos da provincia para dotalos dunha maior seguridade xurídica para que, pase o que pase e veña quen veña, sempre teñan garantido poder utilizar o Pazo”
- Nos dous anos e medio que o actual Goberno Provincial leva á fronte da Deputación, destináronse máis de 15 millóns ao impulso do deporte, ofrecendo unhas 2.500 axudas a equipos profesionais e de deporte base en todas as modalidades ou promovendo a actividade deportiva de máis de 200 entidades lucenses
- Ao inicio da sesión, o Presidente trasladou as súas felicitacións ao Emevé polo ascenso á Superliga. Campos Conde tamén deu os parabéns ao novo Reitor da USC, Antonio López, e agradeceu ao equipo saínte o traballo realizado durante estes anos
O Goberno da Deputación garante aos clubs lucenses o uso do Pazo dos Deportes e o ascenso do CB Breogán, tras aprobarse no Pleno deste martes a proposta do Executivo, para iniciar o procedemento de cesión destas instalacións ao club celeste garantindo, ao mesmo tempo, o dereito de uso do CB Estudantes e do Ensino, os outros dous equipos que fan uso do Pazo. A aprobación desta medida é fundamental para que o CB Breogán poida equilibrar a súa situación patrimonial e, polo tanto, para superar a auditoría á que será sometido nas próximas datas pola ACB, logo de proclamarse campión da LEB Ouro. Así o apuntou o Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, quen subliñou que a cesión de uso gratuíto do Pazo, por un prazo ininterrompido de 35 anos, permitirá ao CB Breogán engadir as instalacións ao seu activo patrimonial de cara a afrontar con garantías as esixencias económicas que establece a actual primeira liga profesional de baloncesto.
Por outra banda, Rivera Capón destacou que se van a respectar os dereitos dos demais clubs que empregan o Pazo, posto que a Deputación seguirá a ter un control absoluto sobre as instalacións, garantindo ao resto de entidades lucenses que as empregan o acceso e utilización nos horarios que teñen establecidos, como sucedía ata de agora. Neste senso, xa mantivemos contactos tanto co Ensino como co Estudantes (os outros dos clubs que fan uso do Pazo) para explicarlles a situación, e mostraron o seu apoio.
Trátase, polo tanto, dunha cesión que se fai en beneficio de todos os equipos da provincia para dotalos dunha maior seguridade xurídica para que, pase o que pase e veña quen veña, sempre teñan garantido poder utilizar o Pazo. En definitiva, é un acordo garantista e continuísta, posto que os máis de 500 rapaces e rapazas que forman parte da canteira do Estudantes e os preto de 300 xogadores e xogadoras do Ensino seguirán a ser unha parte importante da actividade do Pazo dos Deportes.
Investimento de 15 millóns en deporte
Nos dous anos e medio que o actual Goberno Provincial leva á fronte da Deputación, destináronse máis de 15 millóns ao impulso do deporte, ofrecendo unhas 2.500 axudas a equipos profesionais e de deporte base en todas as modalidades ou promovendo a actividade deportiva de máis de 200 entidades lucenses. O Executivo da Deputación fixo que a Deputación de Lugo sexa a primeira en Galicia e a terceira en España que máis inviste en deportes por número de habitantes.
Rivera Capón subliñou que a Deputación de Lugo dedica o triplo ao deporte na provincia de Lugo que a Xunta de Galicia. Por cada euro que inviste a Xunta, a Deputación dedica 3,5. Dos 19,2 millóns de euros de orzamento no 2017 que dispoñía a Secretaría Xeral para o Deporte, só destinou á provincia de Lugo 2,1 millóns, mentres que a Deputación achegou preto de 7. Non en vano, das catro Deputacións galegas, somos a que máis investimento dedicamos ao deporte, e a terceira Deputación en España que máis gasta en deporte por habitante, con preto de 13 euros.
Dous ascensos en 15 días
O Presidente, Darío Campos Conde, trasladou a súa felicitación ao CB Breogán e ao CV Emevé polos seus respectivos ascensos antes de comezar a sesión plenaria. Campos Conde subliñou que quero facer pública a nosa felicitación ao Club de Voleibol Emevé polo ascenso logrado esta fin de semana á Superliga Feminina. É o segundo ascenso en 15 días dun equipo lucense á máxima categoría nacional, tralo do Club de Baloncesto Breogán, ao que reitero as miñas felicitacións polo seu regreso, 12 anos despois, á Liga ACB. Ademais, desexámoslle a mellor das sortes tanto ao Club de Fútbol Sala de Burela como ao Ensino que estou seguro nos darán novas alegrías nas vindeiras datas.
Novo reitor da USC
Campos Conde tamén trasladou os seus parabéns ao novo reitor da USC, Antonio López. Quero felicitar ao novo Reitor da USC, Antonio López, e ao seu equipo, polo resultado acadado nas eleccións de onte. É un especial motivo de orgullo que o novo Reitor da Universidade sexa fillo da provincia. A nosa relación coa Universidade foi sempre de máxima colaboración e así o seguirá a ser. Tamén quero felicitar ao equipo saínte por todo o traballo levado a cabo durante estes anos en impulso da USC, especialmente, do noso Campus de Lugo, apuntou.