Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación súmase ás reivindicacións do Eixo para a posta en marcha do Corredor Ferroviario Atlántico

- Santos Ramos explicou que a Xunta de Goberno aprobou unha declaración institucional para que o Goberno Central desenvolva neste ano o corredor que conectaría a provincia con Europa- “Coa posta en marcha deste corredor conseguiriamos equilibrar a nosa comunidade, e tamén a provincia, en relación ao Mediterráneo, unha zona que conta con mellores conexións; impulsando o crecemento económico e demográfico da zona”- Mellorar a conexión Lugo – Monforte, ou a posta en valor do Porto Seco da cidade do Cabe son dúas das reivindicacións históricas do Goberno da Deputación que deben ser tidas en conta para conseguir incluír a provincia no Corredor

O voceiro do Goberno, Álvaro Santos Ramos, avanzou este venres a aprobación en Xunta de Goberno dun manifesto institucional co que o Goberno da Deputación se suma ás reivindicacións do Eixo Atlántico para instar ao Goberno Central a poñer en marcha este mesmo ano Corredor Ferroviario Atlántico.

Santos Ramos explicou que “o que buscamos a través deste manifesto é amosar o apoio desta institución para conseguir que o Estado impulse o desenvolvemento do corredor coa posta en marcha da liña ferroviaria Ourense, Lugo, Monforte, o Barco de Valdeorras, Ponferrada e Palencia, co fin de conectar a nosa provincia con Europa e impulsar o desenvolvemento tanto económico como demográfico da zona”.

Santos Ramos explicou que “coa posta en marcha deste corredor conseguiriamos equilibrar a nosa comunidade, e tamén a provincia, en relación ao Mediterráneo, unha zona que conta con mellores conexións e que, polo tanto, impulsa o crecemento económico e demográfico da zona. Pero este desenvolvemento só pode lograrse creando as condicións necesarias para que todo o potencial marítimo que temos en Galicia, repercuta no crecemento económico, a través da transformación, pero sobre todo da loxística e a distribución”.

O Voceiro apuntou que na provincia, o acceso ferroviario debe ser construído enlazando Lugo con Ourense, por Monforte, co Barco e Ponferrada. Ademais, débense ter en conta todas as reivindicacións que dende o Goberno da Deputación levamos reclamando dende hai tempo: o impulso definitivo do Porto Seco de Monforte para establecelo como enlace loxístico do interior galego, e a conexión entre Lugo e Monforte debe facerse nas mesmas condicións que o resto de corredores, xa que é a única maneira de que os portos do Atlántico poidan competir cos do do Mediterráneo”.

“De non ser así, estaremos condenados ao subdesenvolvemento e ao despoboamento aos eixes interiores de Galicia, provocando a degradación progresiva dos portos galegos, condenándoos á súa total desaparición do mapa portuario e económico europeo”, apuntou.