Cultura
Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación aposta pola lingua apoiando a literatura de tradición oral

cultura
Literatura Oral
AELG
Presentación XI Xornada de Literatura de Tradición Oral
Campos Conde asinou un convenio de 25.000 euros coa Asociación de Escritores en Lingua Galega para a realización de actividades literarias, entre as que destacan a undécima edición da Xornada de Literatura de Tradición Oral

O Presidente remarcou que o Goberno da Deputación leva patrocinando a Xornada de Literatura Oral desde o seu nacemento, no 2008, e destacou a posición de Lugo como capital de referencia da literatura de transmisión oral

A Xornada de Literatura Oral terá lugar o 27 de outubro no Salón de actos da Deputación e está dedicada a analizar rol da muller na literatura oral. A inscrición é gratuíta

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, asinou esta mañá no Pazo de San Marcos o convenio de colaboración coa Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), que permitirá investir 25.000 euros na organización de actividades literarias na provincia, entre as que destaca a XI Xornada de Literatura de Tradición Oral, que se presentou esta mesma mañá. No acto estivo acompañado polo Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, e polos escritores Antonio Reigosa e Lois Pérez, membros da asociación.

 

Campos Conde destacou o apoio que o Executivo provincial presta á asociación de escritores e, en particular, ás xornadas de literatura oral, que financia desde o seu inicio no ano 2008, “e que converteron Lugo nun referente galego da literatura de transmisión oral. Somos a capital da literatura oral, tanto polas iniciativas que aquí se desenvolven como pola gran riqueza do noso patrimonio”. O Presidente tamén avanzou que este ano as xornadas estarán dedicadas ao rol da muller.

 

Agradecementos

Os representantes da AELG agradeceron a implicación da Deputación nesta programación. Sánchez Iglesias, sinalou “a frutífera colaboración co Goberno provincial, que permite dar continuidade a un proxecto a longo prazo como é a posta en valor da tradición oral”, e os escritores Antonio Reigosa e Lois Pérez, membros da asociación, detallaron a programación da xornada deste ano.

 

Programación da xornada

A XI Xornada de Literatura de Tradición Oral que financia a Deputación terá lugar no prazo de San Marcos, o 27 de outubro, coa participación de seis investigadoras e creadoras que revisarán desde unha perspectiva crítica o rol da muller nos diversos xéneros da literatura oral. A inscrición é gratuíta e pode facerse a través da web da AELG.

 

A xornada arrinca ás 10.30 horas cunha conferencia de Camiño Noia sobre o papel da muller nos contos. A continuación, ás 11.30 h, a avogada Estefanía Lodeiro abordará a violencia de xénero a través do refraneiro popular. E a sesión rmatará cunha mesa redonda das dúas investigadoras baixo o título “a muller imaxinada como pardigma da muller de carne e óso”.

 

Pola tarde, ás 16:00 horas, a escritora Anxos Sumai tratará da demonización da muller sabia coa conferencia “Meigas: as mulleres sanadoras contra a orde masculina”, e ás 17.00 horas, Faia Díaz Novo falará da visión da sociedade que transmitiron a través do cancioneiro as mulleres vinculadas ao traballo no wolframio. A sesión rematará cunha nova mesa redonda e posteriormente, un recital de regueifas a cargo de Alba María e Lupe Blanco pechará as xornadas.

Presentación XI Xornada de Literatura de Tradición Oral