A Deputación duplica o número de prazas do Lugo Termal, o que permitirá ofrecer descontos a 1.200 veciños
López Izquierdo “decidimos ofrecer esta programación por 8º ano consecutivo debido ao grande interese que esperta entre os maiores da provincia. De feito, son xa máis de 5.000 persoas as que recibiron descontos en terapias mineromedicinais co Lugo Termal”
Logo de ter adxudicados os balnearios, durante o vindeiro mes, aprobaremos as bases da selección dos usuarios do Lugo Termal 2018 para, de seguido, abrir o prazo de solicitude
Do total, son 930 prazas con estancia, que contan con 15-20 técnicas, cun prezo de 190 euros; e 180 sen estancia, que ofrece de 30 a 40, por valor de 200 euros
O Goberno da Deputación duplicou o número de prazas do Lugo Termal, o que permitirá ofrecer descontos en tratamentos termais nos balnearios da provincia a case 1.200 veciños, dúas veces máis que nas edicións anteriores.
Así o informou a Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, que avanzou que o Executivo Provincial aprobou este venres en Xunta de Goberno os 3 balnearios da provincia nos que lucenses maiores de 55 anos poderán desfrutar de descontos en tratamentos termais, co Lugo Termal 2018.
Este son Balneario Termas de Lugo; Balneario Augas Santas, en Pantón e Balneario Rio Pambre, Palas de Rei. López Izquierdo explicou que, logo de ter adxudicados os balnearios, durante as vindeiras semana, se aprobarán as bases da selección dos usuarios do Lugo Termal 2018 para, de seguido, abrir o prazo de solicitude.
A Deputada explicou que “dende o Goberno da Deputación, e dentro da nosa clara aposta polo impulso do benestar na nosa provincia, especialmente entre os maiores, decidimos ofrecer esta programación, por 8º ano consecutivo, debido ao grande interese que esperta entre os maiores da nosa provincia. De feito, son xa máis de 5.000 persoas as que se recibiron descontos de máis de 60 euros para desfrutar de terapias mineromedicinais nos establecementos da provincia”.
Paquetes subvencionados e prezos
Os paquetes nos que se ofrecerán descontos son os seguintes: consisten en 6 días e 5 noites, con entrada o domingo e saída o venres, pensión completa, 1 recoñecemento médico, de 15 a 20 técnicas termais e actividades socioculturais. O custo é de 190 euros en total, grazas aos descontos que ofrece o Goberno da Deputación. A distribución das prazas é:
- Balneario Termas de Lugo: 50 prazas
- Balneario Augas Santas, en Pantón: 730 prazas
- Balneario Rio Pambre, Palas de Rei: 180 prazas
Prazas subvencionadas sen estancia. Este paquete inclúe de 30 a 40 técnicas termais durante 10 días, sendo 3 técnicas ao día; e un recoñecemento médico. O prezo neste caso é de 200 euros en total, grazas aos descontos que ofrece o Goberno da Deputación. A división das prazas é:
- Balneario Termas de Lugo: 120 prazas
- Balneario Augas Santas, en Pantón: 20 prazas
- Balneario Rio Pambre, Palas de Rei: 20 prazas
Atención especial e acompañantes
Dentro da aposta por unha Deputación social e coas persoas, o Lugo Termal 2017 ofrece atención especializada ás persoas con problemas de mobilidade, para garantirlles o acceso e goce dos tratamentos termais; así como programas específicos a persoas con discapacidades física, psíquica ou sensorial. Os beneficiarios das prazas poderán acudir cun acompañante, que tamén terán a posibilidade de desfrutar destes descontos aínda non ter máis de 55 anos, pero sempre que sexan de Lugo. Deberán xustificar o seu empadroamento na provincia.