O Presidente formaliza a venda dunha nova parcela no polígono de Begonte e doutras catro no de Paradela
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, formalizou esta mañá, na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos e ante notario, a venda de cinco novas parcelas localizadas nos polígonos industriais de Begonte e Paradela. Durante o acto, destacou que estas operacións son fundamentais para impulsar o desenvolvemento económico da provincia, ao facilitar o asentamento de empresas que contribúen á creación de emprego e á xeración de riqueza no ámbito rural.
No polígono de Begonte vendeuse unha parcela comercial, cunha superficie de 2.257 metros cadrados, por un importe de 46.972 euros á empresa SafetyCars Ocasión S.L, dedicada á compra e venda de vehículos novos e usados, así como á reparación e conservación destes e dos seus accesorios. Con esta venda, o polígono de Begonte atópase case ao completo, quedando só dúas parcelas dispoñibles cunha superficie total de 53.000 euros.
No polígono industrial de Paradela, situado no lugar do Gandarón, parroquia de Santa María de Vilaragunte, formalizáronse as vendas das parcelas números 15, 16, 17 e 18, cunha superficie total de 4.569 metros cadrados e un importe de 150.374,93 euros. O comprador é a empresa METAL POWER S.L, especializada en carpintería metálica. Actualmente, neste polígono quedan 13 parcelas libres, cunha superficie media de 1.000 metros cadrados, das 19 parcelas que conforman o parque, cunha superficie total de 32.280 metros cadrados.
En canto á dispoñibilidade nos demais parques industriais xestionados pola Deputación de Lugo, actualmente hai 12 parcelas libres no polígono de Baleira (das 27 totais); 39 en Castroverde (de 51); 21 en Cospeito (de 27); 25 en Friol (das 55 existentes); 2 en Ourol (das 3 totais); mentres que o polígono de Chantada está completo.
Por outra banda, este martes tamén se formalizou a sinatura da compraventa dun lote de terreos que eran propiedade da Deputación de Lugo no lugar de Adega, na parroquia de San Facundo de Ribas do Miño, en Paradela. Un espazo que sobrou logo da construción dunha ponte construída pola institución provincial e que quedaron adxudicados ao Lar das Viñas López Otero, SL por un importe de case 30.000€.