Deputación de Lugo
Medio ambiente

Deputación e Concello de Sarria impulsan unha nova edición da Feira Internacional do Porco Celta

Sarria
Feira Internacional do porco celta
Presentación 3ª edición Feira Internacional do porco celta
O evento terá lugar o vindeiro sábado 16 no Mercado Gandeiro da localidade sarriana co principal patrocinio do Executivo Provincial, que realiza unha achega de 3.000 euros para promover esta raza autóctona. Participarán 14 expositores e 3 restaurantes da vila

Rivera Capón subliñou que “dende o Goberno apostamos por preservar e promover o Porco Celta a través de iniciativas como esta Feira, que reunirá a un milleiro de persoas, e tamén custeando programas sanitarios nas explotacións para axudar aos produtores”

A Deputación, a través de ASPORCEL, está a custear todos os programas sanitarios, que teñen a obriga legal de cumprir as explotacións de porco celta (vacinacións, revisións veterinarias, análises de sangue...), para poder comercializar estes produtos

O Deputado pola Comarca de Sarria, Pablo Rivera Capón, e a Alcaldesa de Sarria, Pilar López Yáñez, presentaron este xoves no salón de plenos do municipio sarriano, a 3ª Feira Internacional do porco e os seus produtos autóctonos e a XI Festa do Cocido do Porco Celta de Sarria. O Executivo Provincial, xunto ao Concello de Sarria, é o principal patrocinador desta cita que terá lugar o vindeiro sábado 16 de febreiro. A Deputación achega 3.000 euros co obxectivo de promover o Porco Celta como raza autóctona e facer posible a organización de FIPORCO, unha feira gastronómica na que cada ano participan preto dun milleiro de persoas.

Rivera Capón lembrou que “esta é a única raza porcina española autorizada para o uso do logotipo Raza Autóctona 100%, unha singularidade que dende o Goberno da Deputación apostamos por preservar e promover, a través de iniciativas como esta Feira Internacional do Porco Celta e tamén, custeando programas sanitarios das explotacións de porco celta da provincia para axudar aos produtores lucenses”.

A terceira edición da Feira Internacional do Porco e os seus produtos gastronómicos, que terá lugar o 16 de febreiro no Mercado Gandeiro de Sarria, congregará a case un milleiro de persoas e contará con 14 expositores do produto autóctono e 3 establecementos hostaleiros nos que se poderá degustar o Cocido do Porco Celta. A organización desta cita gastronómica está a cargo da Academia Galega de Gastronomía.

Expositores e establecementos participantes
A terceira edición da Feira Internacional do porco e os seus produtos gastronómicos contará coa participación dos seguintes 14 expositores: Teijeiro SL, Cárnicas Sabelugo SL, Embutidos Casa Neiras, Embutidos Suarna SL, Cachenas de San Breixo, ASOPORCEL – Asociación de Criadores de Ganado Porcino Celta-, Boaga (Federación de razas autóctonas), Queserías Sarrianas, Torta de Sarria, Queixos Casa López, Dosouto, conservas de castañas e mermeladas, Mel Abella Celta, Ario productos gourmet, embutidos e queixos galegos, Embutidos Abuela Delfina, Gran Despensa Real Abadía de Samos e Embutidos Oribio Samos.

O Cocido do Porco Celta poderá degustarse, o sábado 16, nos 3 restaurantes adheridos; o Hotel Alfonso IX, Hotel Roma e o Hotel A Veiga de Samos. A celebración continuará o domingo 17, cun xantar especial de ovos, patacas e chourizos de porco celta.

Preto da metade das explotacións galegas atópanse en Lugo
Debido á alta demanda e ao elevado prezo que alcanza a carne deste animal no mercado, a actividade gandeira con porco celta convértese nunha interesante posibilidade de negocio para os produtores da provincia. A recuperación do porco celta, ademais de crear riqueza económica, fixa a poboación no rural e as explotacións desta raza contribúen á prevención de lumes forestais.  Actualmente, en Galicia existen a redor de 130 explotacións de porco celta, das cales o 45% se sitúan na provincia de Lugo.

Colaboración coas explotacións do porco celta para reducir custes sanitarios
Co obxectivo de consolidar o sector do porco celta na provincia, a Deputación, a través da Asociación de Criadores de Ganado Porcino Celta –ASPORCEL-, está a custear todos os programas sanitarios, que teñen a obriga legal de cumprir as explotacións de porco celta (vacinacións, revisións veterinarias, análises de sangue...), para poder comercializar estes produtos, que son de primeira calidade pola coidada crianza natural e libre dos animais.

Rivera Capón subliñou que “facémolo porque queremos axudar aos produtores da provincia, que representan o 45% dos existentes en toda Galicia, reducíndolles custes; e porque queremos potenciar un sector que na actualidade xera en Lugo un volume de negocio de máis de 400.000 euros, que podería ser moi superior”.

A Deputación tamén colabora con ASOPORCEL a través do Servizo de Audiovisuais na creación de vídeos e reportaxes para a difusión das actividades que desenvolve esta asociación de criadores na recuperación, conservación e fomento desta raza autóctona.