Deputación de Lugo
Infraestruturas

O Presidente e o Alcalde de Lugo supervisan o inicio das obras que completarán o desdobramento da Avenida Infanta Elena

concello de lugo
Avenida Infanta Elena
José Tomé Roca destacou a Deputación investiu 2,4M€ na renovación integral da vía e que estes traballos mellorarán o treito de 456 metros desde a Glorieta de Garaballa a Benigno Rivera, incluíndo a renovación do abastecemento, saneamento e alumeado

“Será un acceso espectacular, o mellor que vai ter a cidade de Lugo e onde máis falta fai pola afluencia de tráfico. Unhas actuacións que eu espero que estean rematadas nos meses de outubro ou de novembro”, valorou o mandatario provincial

Este novo tramo virá completar os 2,7 quilómetros de avenida desdobrada no seu conxunto e que con estas actuacións pasou a ter entre dous e tres carrís de circulación por cada sentido, carrís bicis, beirarrúas, iluminación LED, mobiliario e arboredo

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, e o Alcalde de Lugo, Miguel Fernández Méndez, supervisaron este martes o inicio dos traballos que completarán os 2,7 quilómetros do desdobramento e humanización da Avenida Infanta Elena e nos que a institución provincial investiu un total de 2,445M€ desde a Glorieta do 25N. As obras que veñen de comezar afectan aos últimos 456 metros da rúa, desde a Glorieta de Garaballa á de Benigno Rivera.

Durante a visita, Tomé Roca destacou que esta actuación xa transformou a principal vía de entrada e saída da cidade de Lugo na súa parte norte, onde se concentra ademais unha gran actividade comercial e industrial. Valorou que co remate das obras, que avanzou que espera que estean a disposición da veciñanza entre os meses de outubro ou novembro, quedará “un acceso espectacular, o mellor que vai ter a cidade de Lugo e onde máis falta fai pola afluencia de tráfico”.

“Esta era unha obra moi necesaria para ter unha cidade máis accesible, aberta e dinámica”, sinalou o mandatario provincial. Explicou que este novo tramo contará como os anteriores, cunha plataforma cun ancho de 32,5 metros, con dous ou tres carrís de circulación por cada sentido, carrís bici, beirarrúas, mobiliario urbano como bancos e papeleiras, e tamén arboredo. Ademais sinalou o Presidente que os traballos incluirán tamén a renovación do abastecemento, saneamento e alumeado, “por se nun futuro o Concello estima oportuno que esta zona sexa urbanizable”.

Pola súa banda, o Alcalde de Lugo subliñou que “o inicio destas obras é unha excelente noticia para Lugo e para toda a cidadanía, porque estes traballos que hoxe comezan significan continuar avanzando cara ese modelo de cidade que defendemos: un Lugo aberto, onde se gañan espazos públicos para a veciñanza, pero sempre primando a seguridade dos peóns e do tráfico rodado en todo este treito”.

Nese sentido, Fernández destacou que “o remate do desdobramento de Infanta Elena será clave para a mobilidade na zona norte da cidade. Agradecemos o compromiso, a sensibilidade e esforzo inversor da Deputación nesta actuación, coa que hai un salto cualitativo no acceso a Lugo nunha contorna con gran peso comercial e industrial, pola súa proximidade ao centro comercial As Termas e aos polígonos industriais”.

O proxecto desde a glorieta de Garaballa á de Benigno Rivera

O proxecto, que conta cun investimento de 1,3M€, contempla o desdobramento e a humanización da Avenida Infanta Elena no treito comprendido entre a glorieta Garaballa de Arriba e á de Benigno Rivera. Este tramo, cunha lonxitude total de 456 metros, contará con dúas marxes de calzada dun ancho de 10,25 metros cada unha, distribuídas en tres carrís de circulación por sentido. Ademais, a marxe dereita dotarase dun carril bici cun ancho de 3 metros, e no caso das beirarrúas terán 4,05 metros de ancho a ambos lados, con  árbores, iluminación, bancos e papeleiras.  

Estes traballos tamén inclúen a renovación e dotación  dos servizos de abastecemento, saneamento e alumeado público, tendo en conta a situación actual e as demandas futuras que poida ter a contorna, como pode ser o desenvolvemento de solos urbanos ou urbanizables.