O Presidente destaca que a presenza da Armada na Semana Santa de Lugo reforza os lazos históricos entre institucións

O mandatario provincial agradeceu o traballo das confrarías para manter vida a esencia da Semana Santa, e enxalzou “o carácter especial que confire a Armada no Luns Santo polas rúas da capital lucense”, contribuíndo a dar unha maior proxección e prestixio á festividade relixiosa
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, acompañado polo Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, participou este luns nos actos organizados pola Confraría da Virxe da Esperanza en homenaxe ás Forzas Armadas, no marco da Semana Santa de Lugo. José Tomé, xunto ao Alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e outras autoridades, mantivo un encontro cos representantes das Forzas Armadas que foron recibidos no Concello onde se pasou revista ás tropas e se fixo un desfile.
“A presenza da Armada, que escoltará esta tarde o paso procesional, renova un vínculo histórico que se mantén desde o ano 1952 e que confire á celebración un carácter especial e simbólico”, sinalou José Tomé, quen tamén puxo en valor o papel das confrarías “por manter viva a esencia da Semana Santa ao longo dos anos”.
O mandatario provincial lembrou o carácter mariñeiro da provincia de Lugo, apuntando que “o mar, as súas paisaxes e as actividades vencelladas a el forman parte da historia da provincia e seguirán sendo parte do seu futuro”.
Tomé Roca declarou que arredor do mar “xiran sectores estratéxicos como a pesca, o turismo, a gastronomía ou o medio ambiente”, e puxo en valor o labor da Armada e das Forzas Armadas en xeral, que cada día “ofrecen un exemplo de profesionalidade e compromiso ao servizo da sociedade”.
O Presidente tamén subliñou que “a Semana Santa é unha das grandes citas do calendario festivo, cunha tradición moi rica na provincia de Lugo. Xunto co seu significado relixioso, tense convertido nun referente para o turismo cultural. Para un turismo de calidade que busca coñecer os sinais de identidade, o patrimonio, os costumes ou a gastronomía da nosa terra”. Neste sentido, incidiu en que “estas celebracións son tamén unha oportunidade para dar a coñecer os recursos turísticos de Lugo, e para consolidarnos como un nodo de atracción de visitantes de toda España e, cada vez máis, do ámbito internacional”.
Máis de seis décadas de irmandade e tradición
Pola tarde, ás 20:30 horas, sairá a procesión da Virxe da Esperanza da Igrexa Nova polas rúas da cidade de Lugo. A tradición ten a súa orixe nos anos da Guerra da Independencia, cando o Terzo Norte tomou parte activa na defensa da cidade de Lugo, en 1809, derrotando aos franceses no sitio actual das Gándaras. Esa vitoria do Terzo Norte evitou a toma da cidade polas tropas de Napoleón. A mediados do século XX, en 1952, o Ministro da Marina recibiu en nome da Armada o título de Irmán Maior Honorario da confraría da Virxe da Esperanza e a partir desa data a Armada participa nos actos da Semana Santa de Lugo escoltando en procesión á Virxe da Esperanza.