Os veciños de Sarria contan cunha pista de pádel renovada e cuberta grazas á Deputación e o Concello

Rivera Capón afirmou que “renovamos unhas instalacións deportivas públicas, para dotar aos veciños de Sarria de servizos de calidade como parte do noso compromiso por achegar todos os deportes aos diferentes Concellos da provincia”
López Yáñez considerou que “estas actuacións son moi beneficiosas para os veciños de Sarria, xa que agora poden practicar esta actividade en calquera momento do ano, sen que a meteoroloxía o impida, algo que nos viñan demandando”
O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, e a Alcaldesa de Sarria, Pilar López Yáñez, inauguraron este xoves as pistas de pádel renovadas polo Concello e o Goberno da Deputación grazas a unha aportación de preto de 46.000 euros nas anualidades de 2017 e 2018. As instalacións están situadas xunto ao pavillón, na rúa Castelao, formando o complexo polideportivo de O Chanto, no que tamén hai pistas de tenis e baloncesto. Os traballos consistiron na cimentación da estrutura, a instalación dunha nova superficie de herba artificial e o peche e cuberta con metacrilato acristalado.
Rivera Capón afirmou que “renovamos unhas instalacións deportivas públicas, para dotar aos veciños de Sarria de servizos de calidade como parte do noso compromiso por achegar todos os deportes aos diferentes Concellos da provincia. É grazas a ese compromiso que somos a administración galega que máis inviste en deporte por habitante no territorio lucense”.
Pola súa parte a Alcaldesa agradeceu o esforzo inversor da Deputación e considerou “moi beneficiosas para os veciños de Sarria estas actuacións, xa que agora poden practicar esta actividade en calquera momento do ano, sen que a meteoroloxía o impida, algo que nos viñan demandando”.