O Goberno da Deputación contribúe a promocionar a ancestral Festa de Entroido do Oso de Salcedo
O Deputado subliñou que “participar na Festa do Oso de Salcedo é unha experiencia inesquecible para descubrir as antigas costumes e tradicións que os veciños manteñen vivas e que forman parte do patrimonio inmaterial da provincia de Lugo”
Esta festa atrae a máis de 3.000 persoas á Salcedo e representa unha das celebracións máis importantes da Ribeira Sacra. É unha cita tradicional que simboliza a fecundidade das mulleres e a chegada da primavera
O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, participou este luns na Festa do Oso de Salcedo. Trátase dun dos entroidos máis singulares e con máis tradición da provincia, co que colabora o Goberno da Deputación dentro da súa aposta por dinamizar a cultura e o turismo nas vilas lucenses. A festividade celébrase 2 ao 5 de marzo na parroquia de Salcedo, no Concello da Pobra do Brollón. É unha cita tradicional que simboliza a fecundidade das mulleres e a chegada da primavera.
Eduardo Vidal destacou que “participar na Festa do Oso de Salcedo é unha experiencia inesquecible para descubrir as antigas costumes e tradicións que os veciños manteñen vivas e que forman parte do patrimonio inmaterial da provincia de Lugo”.
Esta festa atrae a máis de 3.000 persoas á Salcedo e representa unha das celebracións máis importantes da Ribeira Sacra. A tradición di que cada luns de Entroido, tras os cantos dos Cegos o Oso de Salcedo, un personaxe ataviado con peles e cuberto cunha máscara, persigue aos visitantes tinguíndoos de cinza, barro e carbón. Esta figura ancestral vai acompañado de entre 12 ou 14 criados que lle axudan nas súas tarefas, percorrendo todos os recunchos da localidade.
Vidal Baamonde comentou que “o entroido do Oso de Salcedo é unha das festas que introducimos no novo vídeo da campaña de promoción turística Lugo Cambia. Co novo spot do 2019 Lugo: Moito que celebrar... queremos animar a que máis visitantes se acheguen a coñecer esta ancestral festa da Ribeira Sacra onde todos sairemos coas caras manchadas de cinza e barro...Esta e outras festas da provincia de Lugo son unha boa oportunidade para que descubran e vivan a nosa provincia dun xeito diferente a través das emocións”.
O Deputado subliñou que “dende o Executivo Provincial decidimos colaborar, outro ano máis, coa celebración deste Entroido para poñer en valor esta orixinal tradición do Oso de Salcedo que reúne a miles de lucenses e turistas”. Esta non é a única colaboración do Goberno da Deputación cos Entroidos da provincia pois “tamén colaboramos co Entroido Ribeirao, en Chantada, con 3.000 euros que contribúen á organización e celebración desta cita os días 17 e 24 de febreiro, e o 3 e 5 de marzo, na parroquia de Santiago de Arriba”.
Programación
Despois da saída do Oso haberá pasarúas coa charanga Terras do Bibei e ás 22.00 celebrarase cena popular e baile coas orquestras Capitol e Israel. O carnaval de Salcedo remata o martes, día 5 de marzo. Ás 18.00 haberá animación para nenos a cargo de Peter Punk Pallaso, Premio do Público Mundoclown 2008. E ás 21.00 celebrarase unha gran paellada e baile coa orquestra Los Satélites.