Deputación de Lugo

A XXIV Feira de Antigüidades e Restauración San Lázaro de Sarria reunirá a 28 expositores, co apoio da Deputación e do Concello

Feira de Artesanía e Antigüidades
antigüidades sarria
- Rivera Capón, López Yáñez e López Lebón presentaron unha nova edición da cita, que se celebrará o 6 e 7 de abril nas rúas do casco histórico. Contará con expositores de toda Galicia dedicados as antigüidades, o coleccionismo ou a decoración, entre outros
- Durante a fin de semana a vila contará con numerosas exposicións, demostracións e animación musical. Un ano máis o Espazo Xove, deseñado pola interiorista María Beltrán, promocionará produtos locais con degustacións gastronómicas
- Ademais, o programa de promoción da artesanía do CentrAD organiza unha demostración de elaboración de xoguetes, o sábado no stand de información da feira. Así mesmo, haberá un concerto do grupo The DeRellas (Reino Unido)

O Deputado pola Comarca de Sarria, Pablo Rivera Capón, a Alcaldesa de Sarria, Pilar López Yáñez, e a Concelleira de Turismo da vila, María Luisa López Lebón, xunto con anticuarios da comarca e a interiorista María Beltrán, presentaron este xoves a XXIV Feira de Antigüidades e Restauración San Lázaro, que se celebrará os días 6 e 7 de abril nas rúas do casco histórico da vila. Este ano a feira contará con 28 expositores de coleccionismo, mobles antigos, decoración, libros, discos, etc. Sete dos anticuarios son locais, mentres que o resto proceden de diversos municipios de Galicia.

Rivera Capón destacou que “esta cita está consolidada xa no calendario da vila e de toda a Comarca. É unha gran oportunidade para os amantes das antigüidades e do coleccionismo para descubrir pezas singulares, nalgún dos anticuarios ata se poderán atopar motos e bicicletas antigas. É unha boa oportunidade para dinamizar a economía da contorna, grazas aos numerosos visitantes que se achegan durante a fin de semana”.

A deseñadora de interiores, María Beltrán, volveu ser a encargada de deseñar o Espazo Xove da feira, un espazo recreación a través do interiorismo para a promoción de produtos locais con degustacións gastronómicas.  Desde o programa de promoción da artesanía do CentrAD organizase unha Demostración de elaboración de xoguetes, que terá lugar o sábado no stand de información.

A mostra estará animada por actuacións de danza e música folclórica e os asistentes poderán asistir a demostracións de talla en madeira da Asociación Sarricanta, e de  cerámica, a cargo da Asociación Ceramolóxica Galega Canaveira, así como contemplar exposicións dos seus traballos.

Actividades paralelas
Durante a fin de semana da feira, a vila acolle, ademais, numerosas actividades paralelas, como contacontos ou obradoiros nos que os máis pequenos aprenderán a realizar cámaras de fotos, cabaliños de pau e outras pezas. Haberá tamén exposicións de maquetas de pedra natural, de pintura, de encaixes e de bolillos entre outras. Así mesmo, o sábado haberá un concerto do grupo The DeRellas (Reino Unido).