Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

Preto de 600 nadadores participarán na 'IV Heroica', a competición coas augas máis favorables do mundo

deporte
natación
Heroica
Ribeira Sacra
Presentación da IV Heroica
Trátase dunha proba con tres distancias clasificables e unha travesía popular na que participarán afeccionados de todas as idades. A proba raíña, a Heroica, constitúe o Gran Premio Deputación de Lugo de natación, e ten un percorrido de 10.000 metros

Rivera Capón explicou que “a Heroica vaise asentando no calendario deportivo anual da natación, polas excepcionais condicións da auga, así como pola espectacularidade da paisaxe, por iso este ano contamos cun nivel moi alto entre os participantes”

O Deputado Provincial Pablo Rivera Capón participou este mércores na presentación da IV edición da Heroica, a proba de natación en augas abertas que ten o seu centro neurálxico no embarcadoiro de Doade, en Sober. No acto tamén participaron o Alcalde do Concello de Sober, Luis Fernández Guitián, a Alcaldesa do Concello de Castro Caldelas, Sara Inés Vega Núñez, o Presidente do Club Natación Porta Miñá, Fernando Timiraos Carrasco, e outras autoridades e patrocinadores. A Deputación é o principal patrocinador desta proba que une o deporte e o turismo activo, achegando 10.500 euros para a súa celebración.

Rivera Capón explicou que “a Heroica vaise asentando no calendario deportivo anual da natación, polas excepcionais condicións da auga, sempre tranquilas e con boa temperatura: as máis favorables do mundo, como di a organización; así como pola espectacularidade da paisaxe, por iso este ano contamos cun nivel moi alto e con nadadores de moita calidade entre os participantes, destacando a Bea Gómez, ou a Gaspar Andrade, entre outros membros da selección española”.

Trátase dunha proba con tres distancias clasificables e unha travesía popular de 600 metros na que participarán 40 afeccionados de todas as idades. A proba raíña, a Heroica, constitúe o Gran Premio Deputación de Lugo de natación, ten un percorrido de 10.000 metros, e hai inscritos uns 225 participantes nacidos a partir de 2004. As outras dúas probas son as de 5.000 e 2.500 metros.

Os nadadores que compitan na Heroica serán trasladados desde o embarcadoiro de Doade ata o punto de comezo da proba nos catamaráns turísticos da Deputación, que servirán como apoio en cola e para uso sanitario. Tamén traballarán en prol da seguridade 40 piragüistas, e embarcacións a motor de Protección Civil e do grupo de actividades Subacuáticas da Garda Civil.

Durante a mañá os participantes poderán participar nunha visita turística pola zona “unha boa oportunidade para dar a coñecer o lugar inédito que é a Ribeira Sacra, a paisaxe, gastronomía e os nosos viños, impulsando así o turismo e a economía da provincia, ao mesmo tempo que se fomenta o deporte, e con el unha vida saudable” explicou o Deputado.

Horario

- Heroica, 10.000 metros: saída ás 15:30 horas
- Travesía  5.000 metros: saída ás 16:00 horas.
- Popular  600 metros: saída ás 16:30 horas.
- Travesía 2.500 metros: saída ás 16.45 horas.

A organización poderá pechar a chegada de cada unha das probas transcorrido un tempo límite en cada distancia desde a chegada do grupo principal de nadadores. Nese caso os nadadores que non finalizaran o percorrido serán recollidos pola organización e trasladados á zona de meta.

 

Presentación da IV Heroica