A Deputación destaca en Vilalba o valor do queixo San Simón da Costa “como motor económico e símbolo da Terra Chá”
A Deputada de Muller e Igualdade da Deputación de Lugo, Marisol Morandeira, asistiu este sábado xunto á Alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, ao pregón da XXX Festa do Queixo San Simón da Costa, celebrado no templete da Praza da Constitución de Vilalba, acto que abriu oficialmente esta tradicional cita gastronómica da capital chairega. O pregón correu a cargo do actor e humorista galego Marcos Pereiro.
Durante a súa intervención, Morandeira destacou a importancia do Queixo San Simón da Costa “non só polo seu recoñecido valor gastronómico, senón tamén polo seu papel como motor económico e símbolo de identidade da provincia de Lugo e da comarca da Terra Chá”. “Falamos dun produto que exemplifica o potencial do noso sector primario e o saber facer das nosas gandeirías e queixerías, que manteñen viva unha tradición centenaria e levan o nome de Vilalba e da Terra Chá por todo o mundo”, sinalou a Deputada.
A Festa do Queixo San Simón da Costa ofrece durante toda a fin de semana actividades musicais e gastronómicas para todos os públicos. Destaca o concerto de 9Louro e Mondra, un showcooking con Miguel Mosteiro, sesión vermú con Festicultores, baile no Centro Cultural e unha cata guiada de queixos DOP San Simón da Costa con viños da DO Ribeiro.