Deputación de Lugo
Innovación e TIC

A Deputación retoma a visitas didácticas ao Servizo de Audiovisuais destinadas ao alumnado de Primaria e Secundaria

Servizo de Audiovisuais
tic
Escola de Audiovisuais
A Deputación de Lugo retoma a visitas didácticas ao Servizo de Audiovisuais destinadas ao alumnado de Primaria e Secundaria
Estudantes do IES Perdouro de Burela inauguran a oitava tempada deste programa, que tamén está aberto ao alumnado da USC Sénior e a grupos de maiores

Máis de 9.000 estudantes participaron xa nestas visitas e presentaron un informativo de televisión que esta tempada inclúe unha noticia sobre a Ribeira Sacra como candidata a Patrimonio da Humanidade

Os colexios e institutos interesados poden apuntarse na sede do Centro de Formación Audiovisual ou chamar ao número de teléfono 982284667

Un grupo de alumnos e alumnas de 4º ESO do IES Perdouro de Burela inauguraron a oitava tempada do programa de visitas didácticas ao Servizo de Audiovisuais da Deputación, destinado principalmente a estudantes de Primaria e Secundaria de toda a provincia, aínda que tamén está aberto ao alumnado da USC Sénior e a grupos de maiores interesados en coñecer o funcionamento do mundo da televisión.

O programa inclúe un percorrido polos distintos departamentos do Centro de Produción Audiovisual do SdeA para amosar dun xeito entretido o traballo que desenvolve o servizo, e conta coa participación activa dos rapaces e dos seus profesores na presentación e realización dun informativo de televisión, o chamado Ticodiario, que esta tempada inclúe unha noticia sobre a Ribeira Sacra como candidata a ser declarada ben Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.

Unha televisión por dentro
Durante a visita, os estudantes do IES Perdouro pasaron por todas as seccións do centro: arquivo, redacción, produción, sala de cámaras, salas de edición, cabina de off, mesas de realización e de son e platós, e recibiron explicacións por parte dos profesionais de cada departamento. Deste xeito, coñeceron in situ  e dunha maneira amena como é o traballo por dentro dunha televisión. 

Ademais levaron á práctica as explicacións coa presentación dun Ticodiario. Este informativo inclúe noticias reais, enquisas feitas polos propios estudantes e información meteorolóxica co emprego dun croma. Ao remate desta experiencia cada participante recibiu un USB cunha copia do programa. Tamén recibiron información sobre a oferta dos ciclos de FP de realización e produción que imparte o Centro de Formación do SdeA, o único da provincia con ensinanzas superiores da rama audiovisual.

Máis de 9.000 visitantes
A institución provincial continúa así o labor de achegar as novas tecnoloxías á sociedade lucense, neste caso, aos escolares dos centros de Primaria e Secundaria, logo do rotundo éxito das pasadas edicións. De feito, nas sete primeiras tempadas pasaron máis de 9.000 persoas polas instalacións do SdeA para participar nesta iniciativa, e foi necesario ampliar a dous o número de visitas á semana co obxectivo de atender a alta demanda.

Todos os colexios e institutos da provincia interesados en participar nestas visitas poden apuntarse na sede co Centro de Formación Audiovisual, na rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n, ou chamando ao número de teléfono 982284667.
 

A Deputación de Lugo retoma a visitas didácticas ao Servizo de Audiovisuais destinadas ao alumnado de Primaria e Secundaria