PROMOCIÓN DA PROVINCIA

 

O Servizo de Audiovisuais desenvolve un destacado traballo de promoción da provincia dende o punto de vista cultural, turístico e económico elaboráronse produtos audiovisuais, entre os que destacan os de colaboración con todos os concellos da provincia a través da difusión de actividades que organizan ou apoian, como feiras ou eventos gastronómicos.

Entre estes últimos, o servizo contribuíu á difusión, por exemplo, das festas como a da Faba de Lourenzá, Tortilla de Celeiro de Mariñaos en Barreiros, Torta de Millo de Guitiriz, Empanada de Begonte, Festa da Troita na Pontenova, Festa do Chícharo de Foz, Festa da Castaña do Courel e Queixo do Cebreiro, Bonito de Burela, Mostra de Aceite de Quiroga, Feira do Viño de Pantón ou do Augardente de Portomarín, etc...

O Servizo de Audiovisuais tamén apoiou a difusión de iniciativas que contribúen a coñecer mellor a nosa historia. Os Mercados Medievais de Mondoñedo e Alfoz e Renacentista de Viveiro, o Arde Lucus de Lugo, a Festa Normanda de Foz ou o Ribadeo Indiano, son algunhas delas.

Polo que se refire ao apartado etnográfico, de oficios tradicionais e antigüidades o CPA promociona encontros como a Queima das Fachas de Taboada e Vilelos do Saviñao, o Oso de Salcedo na Pobra do Brollón, as feiras da Pontenova, Sarria, Castroverde, Riotorto e Xermade, a Tasca do Liño de Vilalba, o Folión de Carros de Chantada...

En canto á promoción económica da provincia, elaboráronse audiovisuais sobre as Noites Abertas de Lugo e Sarria, Moexmu de Cospeito, Agrocuir da Ulloa ou a Vendima na Ribeira Sacra.

O Servizo de Audiovisuais tamén prestou un servizo público aos cidadáns coa emisión en directo de todas as sesións plenarias, tanto ordinarias como extraordinarias, que celebrou a Corporación Provincial. Deste xeito, todos os lucenses puideron seguir en tempo real os Plenos a través dos seus dispositivos electrónicos.